HOMENAXE A MACEDONIA, Á QUE NON QUERE GRECIA NA UE

Non souben escribir o poema de Ohrid.

Só puiden mesturar no cruxol caligráfico

o arrecendo elexíaco que hai na rosa de outono e as esperanzas na da primavera;

o meu revoo de apátrida andoriña e ese imtempo de brétemas

do que renace cada noite o Zeus que foi cambiando o nome;

o espírito da frauta e o tanxencial desexo dos sentidos;

a epifanía do pemento rubio braseado nos patios e o sangue dunha guerra sorbido polo chan

un pouco máis ao norte ou máis ao sur;

a inversa arquitectura das brancas moradías e o meu revés escuro;

a cólera ourizada do seu lago, e o van urbano e efémero da tarde;

a dolor que se esconde nesa historia que ninguén me contou

e o hieratismo dos frescos sementados no ventre das igrexas;

o enigma das miradas ao meu paso e estas pobres palabras.

 

Ohrid, setembro de 2002

Publicado na revista Dorna

ROSA DE OUTONOROSA DE OUTONO

 

Advertisements