LEPIOTAS EN FRITADA

Seguimos co recetario de lepiotas, que este ano veñen boas como elas soas.

Hoxe irán en aceite de oliva virxe e acompañadas de allo, cebola, perixel e pementos de Arnoia.

Seguir os pasos de calquera fritada, botando as cousas pola orde descrita en deixando un par de minutiños polo medio entre unhas e outras. Finalmente poñer a lepiota troceada, engadir algo de sal e deixar facer a lume medio ata que se evaporen os líquidos e queden os compoñentes brillantes.

Acompañan ben calquera prato. Esta noite ceeinas cun toriño de pescada cocida e conxunto resultou un magnífico casoiro.

Bo proveito!

COCIÑANDO LEPIOTASCOCIÑANDO LEPIOTAS

 

 

LEPIOTAS Á PRANCHA RECHEAS DE XAMÓN E QUEIXO

Comer cogomelos é unha cerimonia complexa onde todo axuda a percibir a ambrosía que xa podemos adiantar ao ir buscalos. O peor é se nestas damos cun libro que leva por título Andrés Escobar. Modus confitendi. Manual para la confesión (Segovia, Juan Párix, c.1473) e chegamos lendo ao apartado que lle dedica o insigne teólogo a esburgar na culpabilidade da gula: Da mesma maneira cometín un pecado (…) pois procurei ter suntuosos manxares e bebidas para o deleite da carne. Frecuentei as tabernas e nos sabores das comidas e bebidas atopei pracer.

Porque, desgraciadamente, xa teremos pecado antes de nos poñermos a catar o que apañamos. Pero paga a pena aínda así continuar.

As setas que poden asumir papel protagonista son as de carne máis dura, que aguantan ben a brasa e a plancha. É o papel estelar de lepiotas e lactarius, que teñen forma ideal para seren preparadas deste xeito por daren cabida no seo aos poucos aditamentos que precisan.

Hoxe tratamos de lepiotas.

Coloque na prancha cada dúas lepiotas de tamaño parecido coas láminas para arriba salpicadas de aceite de oliva. Déalles vota con coidado ata que perdan o líquido e empecen a estar douradas.

Coloque riba das láminas de unha queixo e xamón en rebanda e tape coa mesma cara da outra.

Déalle unha volta por cada lado ao xa emparedado e está listo para comer.

¡Bo proveito!

TEMPO DE LEPIOTASTEMPO DE LEPIOTAS

 

A DESFEITA RURAL

Que o noso mundo rural se esfarela non presenta dúbidas. A paisanía mostra desde hai tempo unha clara desafección polo campo como medio de vida e parece que ninguén tomou en serio este problema de despoboamento para lle poñer remedio eficaz. Durante un paseo pola illa de Cortegada estes días, vendo como a natureza repoboou de bosque o que abandonou a xente que alí vivía da pesca e da agricultura, trasladada para lle regalaren uns señores da zona a illa a Alfonso XIII, vin un espello do que pode ser axiña boa parte da  Galicia rural. A diferenza é que a illa está máis protexida polo mar e tamén por vixiancia contra o lume, outra traxedia deste país noso que colabora na destrución da paisaxe e da riqueza.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), no século XX desapareceron de Galicia 1.338 núcleos de poboación e na actualidade hai 751 que teñen un só habitante. A media de idade supera a do estado e estes datos son reveladores de cara a onde camiña o mundo rural tan conformador da Galicia histórica, da Galicia que herdamos quen xa temos un tempo. Ese pobo e esa paisaxe foron quen mellor conservaron a nosa singularidade, centrada fundamentalmente na lingua e na cultura popular.

O que está acontecendo no noso campo, outrora agrogandeiro, aínda ten efectos máis marcados no interior (Lugo e Ourense), onde foi máis demorada a chegada das infraestruturas básicas de comunicación. Galicia, atrasada secularmente nas comunicacións, agás polo mar, non tivo problemas para que a nosa xente marchase cara a Cuba e Argentina, e máis tarde a Europa e os territorios máis desenvoltos da península: Cataluña, Euskadi e Madrid. Na actualidade, hai unha nova emigración da xente moza, a máis preparada, a que podía axudar a modernizar a visión económica dunha terra fértil regada por mil ríos que está ademais colmada de riqueza ecolóxica e etnográfica, ambas constitutivas dun activo con valor singular para as sociedades máis avanzadas. Non só agora. Sempre marcharon os máis preparados, os máis emprendedores, os máis ousados. Esa foi a nosa perda cualitativa. E os tesuros que deixaban non foron debidamente valorados polos lugareños que os identificaron coa súa pobreza. As mentes reitoras da nosa sociedade si puideron traballar na conquista da autoestima e de valorar o propio. Pero parece que tampouco crían niso.

CANGOS DUNHA CASA ABANDONADA NOS ANCARESCANGOS DUNHA CASA ABANDONADA NOS ANCARES