NO NOMEAMENTO DUN FILLO ADOPTIVO

O próximo 24 deste mes, o Concello de Ribadavia nomeará fillo adoptivo ao Profesor e Académico Xesús Alonso Montero. Hai, xa que logo, que lle dar parabéns a este intelectual, incansable aos seus 84 anos.

Son moitos o seus méritos. E vou sinalar dúas experiencias que me son ben coñecidas. Non fun alumna del, pero na súa etapa de profesor no Instituto Maculino e na Escola de Maxisterio de Lugo, sei que fixo un traballo que calou fondamente. Eu, que dei clase a estudantes por libre, quedaba gratamente sorprendida polo cuestionario dos seus exames. Das súas aulas saíron moitos intelectuais e o seu maxisterio fixo época no que hoxe é o “Lucus Augusti” e na cidade. Explicou ben a literatura e deulle cabida á galega, feito daquela inusual e aínda punible. Coñecino persoalmente en 1972, cando publiquei o  primeiro libro de poemas, Alalás, e tiven a ousadía de levarllo ao mellor profesor de Literatura. Amablemente, díxome algo parecido a isto: “Vostede sabe o que é un poema. Pode seguir escribindo”. A fe na súa autoridade animoume a traballar para merecer con certa dignidade o nome de escritora que hoxe uso con orgullo.

A segunda, é o labor valioso desenvolto desde o Centro de Estudos Rosalianos, unha sección da Fundación Rosalía de Castro, do que podo dar fe ao longo dos case sete anos que eu ostentei a presidencia da mesma. Débolle a el, membro da Comisión Executiva da que hoxe segue a formar parte por esixencia dos novos estatutos, o traballo leal e comprometido co modelo de Fundación na que eu tamén empeñei o meu traballo e a miña enerxía. O profesor Alonso Montero, unha das persoas máis comprometidas cos estudos e a causa rosaliana, valorou, coa mirada moderna que é compartida pola grande maioría dos museos, as publicacións para a infancia e a presenza de rapazas e rapaces como protagonistas de celebracións especiais na Casa de Rosalía, feito que era inusual noutras etapas.

O profesor alentou tanto as variadas actividades celebradas dentro e fóra da Matanza como as numerosas publicacións.  E se alguén ten un día interese en coñecer a historia da Fundación, o primeiro documento que atopará é a acta de 29 de xullo de 2005, que el fixo de puño e letra, contribuíndo con esta peza literaria a acabar coa interinidade na que a Casa de Rosalía viviu sete meses por liortas entre tirios e troianos.

NA CELEBRACIÓN DO 175 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍANA CELEBRACIÓN DO 175 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA

Advertisements