MORTES NO OUTONO

Quen busca impenitente os derradeiros cogumelos de cada outono ve podrecer un bosque que vai entrando, pouquiño a pouco, na morte irremediable, pero salvífica e purificadora, na desaparición preñada de esperanzas porque esterca nova vida. Aínda que é o momento que elixen os paxaros e os insectos para calar soñando primaveras, a morte outonega conta co delicioso son das xa efémeras follas e vén perfumada de perezosas seivas e chea de sabores exquisitos. Ninguén mirando a fraga outonal faría un canto de tristeza permanente. Da podredume evidente para os sentidos, axiña se verán os novos froitos. Por iso é doado comprender que tal destrucción forma parte dun ciclo indispensable para a vida. Que só hai que agardar.

CASULO DE MILLOCASULO DE MILLO

Advertisements

NA SOCIEDADE DO MEDO

Cremos que viviamos na sociedade das tecnoloxías e a comunicación, pero vivimos na sociedade do medo, aínda que a este medo non lle son alleas nin a tecnoloxía nin a comunicación porque o expanden como se fosen lévedo e tamén axudan a loitar grupalmente contra el. Incluso a elite social, que non se ve atenazada pola necesidade nin a súa previsión, vive nunha especie de limbo do medo porque empeza a ter en conta o mal xenio dos que saen á rúa na defensa do pouco que vai quedando daquela estabilidade na que cadaquén se conformaba co que lle tocara en sorte.

É doado imaxinar o medo que sente aquel que sabe que o van despedir do seu traballo e ten que levar á familia a noticia afundidora. E o de quen vai quedar sen a casa onde se goreceu, despois de ter pagado parte dunha hipoteca, e aínda levará a súa débeda ás costas. Non resulta difícil comprender a magnitude dese medo despois de que sete persoas puxesen fin á súa vida porque non resistiron tal presión. Tampouco custa poñerse na pel de quen quedou sen traballo tendo bocas que manter alén da propia e sen esperanza de atopar outro soldo. E como non vai ter medo o pensionista que cobra unha miseria e aínda debe pagar pola medicación da que a vellez lle obriga a depeder. E como vai estar tranquilo o pequeno comerciante ou empresario sabendo que a xente ten que facer números para poder comprar algo. Xa non digo nada da persoa estranxeira sen cobertura e o pánico que debe sentir pensando na enfermidade.

O medo vai estendendo os brazos como un polbo, porque tamén arrepía pensar en verte incurso nun caso xudicial non gratuíto cando a xustiza deixou de ser igual para toda a cidadanía. Un accidente de tráfico mete medo non só pola integridade física senón por ter que litigalo nun xulgado.

Ben grave ten que ser ese medo cando os colectivos que se encargan de executar as súas fontes empezan a negárense a actuar. E cando a banca di que asume o compromiso de paralizar os desafiuzamentos por razóns humanitarias. Dá xenio ver o humanitario que se volveu o tinglado financeiro que nos meteu na ruína, que pagou aos directivos retiros millonarios, que recibiu inxección de cartos públicos e que estivo ata o de agora botando xente dos pisos. É de louvar a actitude dos colectivos que perderon o medo a colaborar e a actitude de quen van perdendo o medo a defender publicamente os dereitos de todos.

DA SERIE "O MEDO"DA SERIE “O MEDO”