OBSOLESCENCIA

Estaba preparando eu este artigo para falar da emigración de noso, da que foi e da que ha ser, e morreume o ordenador. Agora escribo nun pequeno de prestado. ¡Que duro é comprobar a obsolescencia das cousas que se crían durables! A ese artiluxio tíñalle confiados os meus textos e as miñas imaxes. Nel tiña instalados programas que facilitan o traballo e, de súpeto, acabou todo en silencio. Na autopsia, se cadra aínda se pode recuperar algo. Será unha autopsia dirixida a  recuperar porque a causa da morte coñézoa ben -media taza de té polo teclado- e non vai haber terceiros que reclamen nin se meterá a xustiza, que ten moito en que se ocupar e, ademais, custaríame máis que un ordenador novo, que se ven de converter nun servizo para ricos.

Todo é efémero, ou dito con actualidade, obsolescente. Ata o que cremos ben instalado nas nosas vidas, costumes e crenzas pode desparecer porque marcha só ou nolo quitan outros. A perda dun traballo no que te crías seguro e a falta de soldada que inicia un desafiuzamento aprazado xa forman parte da obsolescencia. Ou a posibilidade de que che fagan e che toque un ERE se non te dedicas á política, que aí non se fan regulacións: se ten que marchar alguén porque non queda outra, reacomódase axiña. Se te botan dunha vivenda que estabas pagando, porque crías ter contas estables, e te atopas na rúa ou de regreso á casa familiar da que conseguiras a independencia, podes ver o efémero que se volveu todo.

Houbo cousas que duraron moito tempo pero caeron en desgraza cando menos se esperaba. Aí están o boi e a mula do portal de Belén, que pasaron estes días a ser dous simpáticos ocupas dun espaciño ao quente. Segundo o Papa, non estiveron no verdadeiro auto. Despois de tantos séculos, chegoulles tamén a súa caducidade. Non sei se conseguiremos recolocar a mente para facelos desparecer este ano a catro días de os ir deixando cabo dunhas pallas riba do mofo que adoita tapizar os nacementos te toda a vida. A estrela, da que tamén se ocupou nesta oportuna revisión de ben fondo calado teolóxico, parece que tivo sorte, porque pasou ao mundo científico, que é onde debe estar unha estrela que de súpeto se pon a alumar como un facho e se chama nova. ¿E as panxoliñas e os vilancicos? Pois haberá que poñerse a reciclar neles a todo gas, quitándolles a ungulada e o rumiante. A obsolescencia sempre acaba dando a lata.

TRAS DA FESTATRAS DA FESTA

Advertisements