RAÍCES
A noite cega, inxenua
regálanos insomnios coa loucura
que chimpa a luz ausente, tan ausente
que as estrelas son rotos dun gran veo impasible,
o que cubriu os medos daquel primeiro humano
que abriu a boca, os ollos e os oídos
baixo do azul dos puntos cardinais
para labrar o mundo en seara virxe.
Polo noso revés, gala de ancestral peixe,
é a atávica noite quen nos volve á memoria
os imnúmeros versos que xa estaban escritos
iñantes que a cantiga dos paxaros
abrollara no aire celebrando o mencer
detrás da noite inxenua, tan inxenua
que vai tecendo o lazo
que nos xonce
e diverxe.
Dentro da noite inxenua
todos morremos mil millóns de veces
e mil millóns de veces regresamos
rescatados do negro,
abandonando a anaina máis feliz,
mantra de grilos,
multiplicados sempre en espiral
desde a sima dun mar que nos desvela
algarabía de aves
e un dosel fronteirizo de colores.
A noite é cega e inxenua
e déitase a durmir no borde dunha aresta
que racha o himen de seda en parto nidio
de existencia plural dispersadora,
que renace nas albas
e nos fai esquecer os sons dun órgano
que en catedral barroca
socaba os parapetos do recordo
co canto aterrador dun Dies irae.