NA REALIDADE VIRTUAL

Tratando coa informática desde 1988 e con internet desde 1995, tiven ocasión de ver pasar cousas curiosas, pero non de comprobar a sanación natural de ordenadores. Embalado o defuntiño o outro día para o mandar ao centro de posible reparación, chegou un informático naturista e aconselloume liberalo do envoltoiro e facerlle unha cura de arroz 24 horas. Como non había que perder, saqueino, abrino, cubrín o seu teclado co branco cereal e agardei o tempo recomendado.

Aínda que os computadores non teñan oficialmente menciñas caseiras, parece que existen. El, xusto á hora cumprida, empezou a pestanexar, foi espavilando e aquí seguimos como se non pasase nada. Aínda que algo raro fixo presenza na súa pantalla a mañá da curación. Cando trataba de establecer diálogo para unha instalación nova, apareceu un cadradiño con esta lenda sorprendente: “Si eres humano, muéstrate marcando el número de tu teléfono móvil”. Volvín ler, incrédula, pero dicía o mesmo por moito que eu insistise en dubidar dunha letra clara nun idioma que domino.

No marabilloso mundo da interacción cibernética poucas cousas chaman xa a atención, pero o feito sáese do previsto. ¿Con que entidade estaba tratando? En principio, é sempre un enigma saber quen está deloutro lado pero suponse que son persoas as que acaban atando os cabos en tan sofisticados artiluxios. ¿Anda a Estadea pola rede? ¿Volven as mensaxes anxélicas servíndose agora da tecnoloxía? ¿Pode haber non-humanos infiltrados entre nós sen nos darmos conta de que operan a través da arañeira? Sen resolver aínda estas preguntas presentouse outra atropelándoas e pensando na parte de acó, na dos usuarios. ¿É necesario ter un móbil para ser humano? E sendo así, ¿que clase de móbil, quere dicirse, de que xeración e con que prestacións debe contar?

A xente está sendo desposuída do seu traballo e mesmo da súa casa. Os dereitos humanos vense dimininuídos desde as liberdades cívicas á sanidade universal. Pero toda a xente era considerada humana, que é un título que compromete máis ou menos segundo en que xeografía teñas a sorte de nacer ou de vivir.  Ata agora, todos eramos tildados de humanos, con móbil ou sen móbil. Con emprego ou sen el. O diálogo que lles conto puido ser un lapsus febril dun ordenador que viña de curarse, pero tamén unha seria advertencia do que queda por chegar.

DE "RAÍCES"

DE “RAÍCES”

Advertisements

6 opinións sobre “NA REALIDADE VIRTUAL

  1. Pois sí. A cibernética é dual, contradictoria, ambivalente…, coma o ser humano. As inmensas posibilidades da informática son irrefutables. Iso sí, o malo é a súa aplicación. A orixe da pólvora foi concebida para a exaltación nos festexos; xa sabemos de sobra a principal aplicaciòn que se fai actualmente dela. Coa informática pasa o mesmo. Grazas a internet, a especulación financieira é unha realidade. En fin, o que tiña que ser un complemento para a nosa vida, en moitos casos é a nosa perdición. Parabéns polo artigo.

    Gústame

    • Agora mesmo estou tendo problemas para enviar as respostas -a Inma foilla duplicada- porque, ao cambiar de blogue, hai mudandazas e a miña respostas parecíalle spam e tiña que me pedir permiso ara publicala. En calquera caso eu xa non me amaño sen ela.
      Supoño que te darás conta do agradable que resulta ler aquí os comentarios escritos por xente normal ti que ves do fogueo doutro lado onde non se razoa, só se insulta. Aperta e bo día.

      Gústame

Os comentarios están pechados.