DESMONTANDO O BELÉN

XARDÓN NAVIDEÑO

XARDÓN NAVIDEÑO

Unha das tarefas traballosas que chegan con decembro é montar o belén. Sacar as caixas nas que se gardou, apañar elementos da natureza –mofo, pallas, cascas, arboriñas- e pórse á obra coa inxenuidade da infancia. Somos herdeiros dunha vella tradición que vai máis alá da simboloxía relixiosa. O belén é unha invención mediterránea que se adaptou ás características lugareñas: río con lavandeiras, neve no curuto dos montes, castelo de Herodes entre o verde e o deserto que cruzan tres Reis, un deles negro para incluír tardiamente outras etnias. O que nunca se meteu foi unha Maga entre os dignatarios. E tamén animaliños domésticos: vacas,  ovellas, coellos porquiños e dous con protagonismo no pendello: boi e mula. Estes dous animaliños foron incorporados ao folclore musical e aparecen en panxoliñas ou vilancicos.

Cando chegou do norte outra celebración máis naturista, simbolizada nunha árbore conífera iluminada, a competencia resolveuse coa integración e non poucas veces ambos símbolos coincidentes co solsticio de inverno pasaron a se complementaren sen problemas. A penúltima irrupción foi Papá Noël, que se fixo máis comercial e obriga ás familias a facer agasallos dúas veces en só quince días. Porque o Nadal é, ante todo gasto e a poder ser, abundancia, golosume e diversión de sociedade consumista, o que veu desvirtuar o sentido inicial dunha celebración relacionada coa terra á que se lle sumou despois o sentido relixioso.

Pero a sociedade consumista está inmersa na crise que fixo estragos en moitos dos seus membros polos recortes económicos, parcial ou totalmente. Hogano, os funcionarios non terán paga extra e moitas familias pouco poderán levar á boca a noite na que parece que todos temos decretado ser felices. E a crise, dalgún xeito, chega ao belén polas elucubracións do Papa en tempos de crise. Segundo o pontífice, o belén debe ser retocado. En primeiro lugar, fóra boi e mula, que os máis ortodoxos deixarán entre as embalaxes ou se desfaran deles. E os Reis non viñan de oriente ataviados con luxo asiático e guiados por unha estrela nova, senón de onde hoxe está Andalucía, un crebadoiro de cabeza para atinar como vestilos e ver se debe ou non seguir o negro. Unha saída dáa o cura de Cambás: precintou o belén porque o Meniño nestes tempos sería un desafiuzado. ¡Manaia el que ben pensa!

Advertisements