OS ESPAZOS DA LINGUA

RÍA DE AROUSA COA ILLA AO FONDO

RÍA DE AROUSA COA ILLA AO FONDO

Unha das miñas amigas de internet descubriu a cultura galega a partir da portuguesa. Hoxe está entusiasmada con este xeito particular de ver a vida e mesmo tén unha “pantalla” do entroido ourensán na súa web. Tocante á lingua, manexa a escrita e pode ler a nosa literatura, desde a versión grafada das lendas populares ata a poesía actual. De cando en vez teño que lle explicar algunha palabriña ou algún xiro, que tamén tería que lles aclarar a moita xente de aquí que xa empeza a descoñecer os contextos. Xa que logo, resulta admirable o dominio que adquiriu Aki dun idioma que lle queda tan lonxe na xeografía e na experiencia.

Agora ten moitas ganas de coñecer o chan no que se asenta esta cultura, para escoitar aos falantes, oír a gaita en directo e probar “in situ” esa cociña galega que anda a catar nos establecementos de Tokio, onde a sorprende a empanada de bacallau e o viño do ribeiro. E, no que eu podo, descúbrolle as imaxes na distancia, coma tal as rías. Por iso buscou similitudes nas costas niponas e anda polo nordeste do seu país para ver Matsushima, unha das paisaxes máis bonitas do sol nacente. Así, sen abandonar aquela terra, pode facerse a idea do que atopará aquí cando teña un oco para vir a uns cursos de verán.

Agrádame comprobar por esta amiga, bibliotecaria infantil, que a lingua da vella Fisterra pode ter un espazo vital tan afastado do que lle é propio. Ben sei que isto non lle amaña os problemas de transmisión familiar nin lle garante a supervivencia, porque o espazo no que un idioma gaña o futuro é o da súa paisanía natural. Pero feitos coma este teñen o valor de instalar as nosas palabras noutro espazo e de lles adxudicar o papel de símbolo cultural de todo un pobo.


 

Advertisements