CONSUMOGUSTOS

PRODUTOS GALEGOS

PRODUTOS GALEGOS

Pouco antes de morrer, D. Álvaro Cunqueiro desexáballe á lingua de Galicia mil primaveras máis. No mesmo discurso tamén deixou dito: “Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por terme ensinado a dicir ‘rula’ e ‘abidueira’ e ‘dorna’ e ‘ponte’ e ‘fonte’, e entón eu,sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte”. Evidentemente, os nomes das cousas son os que lles puxo o pobo. E en Galicia o mel chámase mel, o leite chámase leite e o viño chámase viño, igual que o toxo se chama toxo e a xesta se chama xesta.

Cando estudei o pensamento de Francis Bacon, estaba lonxe de saber que se apelidaba Touciño e tampouco sabía que Elisabeth Tylor que se apelidaba Xastre. Non era necesario, porque se apelidaban así e abondaba. Estas palabras teñen a orixe na lingua dun pobo e os nosos propios están tan lexicalizados que ás veces non nos damos conta do que significan.

Cando nos referimos aos alimentos é normal que lles deamos o seu nome, entendendo por normal “o que adoita facerse habitualmente”. O normal tamén é que os nosos produtos sexan preferidos aos que procedan de fóra. A recomendación de consumir o propio vai máis alá da economía: a terra dá as cousas axeitadas ao momento do consumo e ás necesidades dos seres vivos que habitan o territorio próximo.

Na nosa cultura, afeita secularmente á minusvaloración do idioma propio como lingua escrita, aínda non é o máis usual que os produtos aparezan etiquetados co seu nome, nin nos establecementos nin no proceso industrial, etiquetado. Si existe unha tendencia progresiva a que o empresariado máis innovador utilice as palabras galegas para mostrar produtos, porque a lingua está sendo asumida polas persoas máis dinámicas que estiman os valores culturais do seu país. Por iso, o pasado día dez, o Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Adegueiros presentaron na Casa da Cultura Galega de Vigo a campaña CONSUMOSGUSTOS ETIQUETADOS EN GALEGO, apoiada por diversas personalizades do sector da cultura que prestan a súa imaxe e o seu ánimo para que os nomes galegos figuren nas compras do Nadal premiando así as empresas que etiquetan en galego e dándolle un valor engadido a que se identifiquen co seu país. Porque en galego, o noso sabe mellor.

Advertisements