DÍA INTERNACIONAL DO MIGRANTE

MULLERES INMIGRANTES EN MOLLET (BARCELONA)

MULLERES INMIGRANTES EN MOLLET (BARCELONA)

O século XXI, na escalada dunha crise económica sen precedentes da que non se prevé a saída, viu aumentar as migracións de forma galopante. A xente do terceiro mundo segue a abandonar o inferno terrenal no que vive a súa maioría, con risco de perder a vida no camiño, e moita da que habitaba tranquila o sur xeográfico e económico de Europa ve tamén limitada a posibilidade de desenvolver a súa vida no país de orixe.

Ante este feito, xa no ano 1990 a Asemblea Xeral da ONU tratou na Convención Internacional sobre a protección dos dereitos dos traballadores migrados e das súas familias. Pero, ao iren a máis os fluxos migratorios en todo o planeta, no 2004 proclamou o “Día internacional do Migrante” fixado para o 18 de decembro. Os estados membros da ONU, e as organizacións intergubernamentais e non gubernamentais, deben conmemorar este Día Internacional difundindo información sobre os dereitos e liberdades fundamentais dos migrantes, o resultado das súas experiencias e as novas medidas que poden implementarse para protexelos.

O secretario xeral, Ban Ki-moon, emitiu este ano a seguinte mensaxe: «Coas restricións presupostarias, observamos a aplicación de medidas de austeridade que discriminan os traballadores migrantes, unha retórica xenófoba que alenta a violencia contra os migrantes en situación irregular e propostas de leis de inmigración que lle permiten á policía elaborar perfís dos migrantes con total impunidade. Durante as crises económicas, paga a pena recordar que sectores enteiros da economía dependen dos traballadores migrantes e que os empresarios migrantes contribúen á creación de emprego.»

Hogano, esta conmemoración coincidiu cunha setenza do Tribunal Constitucional que abre as portas para que non se lles negue a sanidade aos inmigrantes sen papeis, avalando así a atención sanitaria universal á que teñen dereito. Porque o dereito á saúde, que consagra a Constitución, debe prevalecer sobre o beneficio económico vinculado ao aforro que procura a discriminación sanitaria, decretada polos recortes implantados polo goberno central en abril. A norma exclúe aos sen papeis da asistencia normalizada, pero coa sentenza levántase a suspensión dun decreto do goberno de Euskadi, que se rebelou contra estes recortes consonte ao instituído pola ONU.

Advertisements