DÍA INTERNACIONAL DO MIGRANTE

MULLERES INMIGRANTES EN MOLLET (BARCELONA)

MULLERES INMIGRANTES EN MOLLET (BARCELONA)

O século XXI, na escalada dunha crise económica sen precedentes da que non se prevé a saída, viu aumentar as migracións de forma galopante. A xente do terceiro mundo segue a abandonar o inferno terrenal no que vive a súa maioría, con risco de perder a vida no camiño, e moita da que habitaba tranquila o sur xeográfico e económico de Europa ve tamén limitada a posibilidade de desenvolver a súa vida no país de orixe.

Ante este feito, xa no ano 1990 a Asemblea Xeral da ONU tratou na Convención Internacional sobre a protección dos dereitos dos traballadores migrados e das súas familias. Pero, ao iren a máis os fluxos migratorios en todo o planeta, no 2004 proclamou o “Día internacional do Migrante” fixado para o 18 de decembro. Os estados membros da ONU, e as organizacións intergubernamentais e non gubernamentais, deben conmemorar este Día Internacional difundindo información sobre os dereitos e liberdades fundamentais dos migrantes, o resultado das súas experiencias e as novas medidas que poden implementarse para protexelos.

O secretario xeral, Ban Ki-moon, emitiu este ano a seguinte mensaxe: «Coas restricións presupostarias, observamos a aplicación de medidas de austeridade que discriminan os traballadores migrantes, unha retórica xenófoba que alenta a violencia contra os migrantes en situación irregular e propostas de leis de inmigración que lle permiten á policía elaborar perfís dos migrantes con total impunidade. Durante as crises económicas, paga a pena recordar que sectores enteiros da economía dependen dos traballadores migrantes e que os empresarios migrantes contribúen á creación de emprego.»

Hogano, esta conmemoración coincidiu cunha setenza do Tribunal Constitucional que abre as portas para que non se lles negue a sanidade aos inmigrantes sen papeis, avalando así a atención sanitaria universal á que teñen dereito. Porque o dereito á saúde, que consagra a Constitución, debe prevalecer sobre o beneficio económico vinculado ao aforro que procura a discriminación sanitaria, decretada polos recortes implantados polo goberno central en abril. A norma exclúe aos sen papeis da asistencia normalizada, pero coa sentenza levántase a suspensión dun decreto do goberno de Euskadi, que se rebelou contra estes recortes consonte ao instituído pola ONU.

Advertisements

2 opinións sobre “DÍA INTERNACIONAL DO MIGRANTE

  1. Hai moitas clases de emigración. A nós, o Estado españo ( non me da a gana chamarlle nación española), non nos acaba de entrar nos miolos que fomos, somos, e seremos un país emigrante ( sobretodo, tristemente o pobo galego). Toda a a vida fuxindo da nosa terra na procura de alivia-la fame para, agora, ver o problema da emigración dualmente. Sí, dualmente. Cando eramos “ricos” e nadábamos nas correntes da abundancia e recurríamos a emigración ( víamo-la emigración coma un problema alleo) para desempeña-los traballos que, moita xente, só quería para os de “afora”, a migración era un problema (evidentemente, para os empresarios, era unha solución), unha fonte de conflicto e problemas polos choques culturais. Non queríamos esa inxerencia no “noso”.
    Agora vemo-la emigración como unha solución, mais criticamos os impedimentos que nos poñen no extranxeiro para emigrar. Agora os malos son os demais ( nós, nunca o somos). Seica agora en Alemania, Suiza,etc, xa non é coma antes, que non puñan trabas para nós ( agora, grazas a nosa ” magnífica UE, sí que están a limita-las migracións). Cambiou o conto. Mais para min, o máis terríbel e inxusto é que, aínda padecendo a gran depresión que estamos a pasar, seguimos a ve-la migración coma un problema. Decimos que temos pouco traballo, e, o pouco que hai, tenque ser para nós. Non acabamos de aprende-la lección, por moitas labazadas que nos dean. Somos , en moitos casos, extranxeiros na nosa casa.

    Gústame

    • O pobo galego -e outros varios do estado- non debería ser xenófobo. Debería volver a vista atrás e ver como viviron os nosos emigrados para facer un peso. Dicíame hoxe unha señora na tenda que todas as casas que hai por aquí fixéronse con cartos franceses, belgas e alemáns. Pois ben, cando agora oís falar da nosa emigración din que eramos diferentes, que todos tiñamos papeis e nos adaptabamos moi ben. O dos papeis é mentira. E o da adaptación, tamén. ¿Por que se non tanto centro galego onde se xuntaban para se sentir acompañados, comer as súas comidas, oír a súa música e resistir en terra allea. Igual que fan os inmigrantes aquí. “Toda a terra é país”, Xabier. Pero non hai memoria e si moita soberbia. O futuro vai ser negro tamén por aí, pero nin así aprenderemos.

      Gústame

Os comentarios están pechados.