A CRISTA DA BUBELA

PALMATORIA VEXETAL

PALMATORIA VEXETAL

A anciá escoitou devotamente ao poeta que intercalaba uns versos en occitano. Cando acabou, díxolle emocionada: “Envéxoo e felicítoo. Sabe vostede a lingua máis importante do mundo, a da nai de San Francisco de Asís”. Iso era para a anciá a lingua de Oc. Para os estudiosos, é un idioma minorizado que produciu unha marabillosa lírica medieval. Para os xacobinos é un patois que non merece atención nin continuidade. Mágoa que tamén llelo pareza aos falantes que non tentan trasmitila e a substitúen por outra.

O valor dos idiomas depende das miras de quen llelo outorga. Nin o número de falantes, nin a capacidade de asumir a globalización gallopando nun proceso engulidor de adelgazamento e superficialidade na relación máis mercantil, dan un valor absoluto a cada idioma da bendita Babel… A lealdade dos falantes, a intencionalidade dos políticos que toman decisión e a cultura dos usuarios das falas con marchamo de importantes son quen de conservar a glotodiversidade que xerou a especie humana e que hoxe está en perigo. Non se lles pode perdoar que non o fagan.

Advertisements