MANUEL DOURADO IN MEMORIAM

DOURADO, NUNHA TARDE DE TERTULIA EN ABUÍN (1998)

DOURADO, NUNHA TARDE DE TERTULIA EN ABUÍN (1998)

Fóisenos Manuel Dourado Deira, autor de Conversas con Teresa Castelao (Sotelo Blanco, 1999) e A Mestresa da Casa-Museo: Unha Rosalía rediviva (Deputación da Coruña,2009) sobre Maruxa Villanueva, xornalista colaborador deste mesmo medio e da Revista Encrucillada, e mestre con entrega. Nacido na parroquia rianxeira de Asados (1929) foi labrego de neno e despois músico. Iniciou estudos xa adolescente e, alén de ser mestre, licenciouse en Dereito. Con tales datos, descubrimos un home traballador, un loitador nato para vencer limitacións económicas e culturais que marcaba naquel momento a aldea, e a desolación que no país deixou a guerra civil cando ultimaba a súa infancia. En compañía da súa dona, Avelina González, deulles carreira ás tres fillas e colaborou no eido cultural coa actitude dos bos e xenerosos. Sei, polas nosas conversas, que deixa un libro inédito sobre os inicios do retorno de Castelao, do que agardaba ilusionado a súa publicación. Membro da Fundación Castelao, formou tamén parte da asociación Galicia Viva que publicaba unha revista homónima, das primeiras dixitais, grazas á colaboración do que foi seu alumno, Luis Ordóñez Gonçalves.

Manuel Dourado, como músico que foi, era un melómano que disfrutaba os xoves dos concertos da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Santiago e unha desas persoas que se atopaban na gran maioría dos actos culturais celebrados nunha ampla contorna co centro en Rianxo.  Manuel Dourado Deira estivo vinculado ao movemento de renovación cristiá que xurdiu en Galicia despois do Concilio Vaticano II e se arremuiñou arredor de Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián, de cuxa mesa de redacción formou parte. Xa que logo, o Deus no que el creu, terao acollido no seu seo tal como el desexaba. Para os galegos e galegas deixou a testemuña espiritual de ter feito manda testamentaria pedindo que as palabras que acompañasen os actos que rodearan a súa morte fosen as do noso idioma.

Desde o punto de vista persoal, débolle a Manuel Dourado anoar o lazo que me vincula con Rianxo, pois foi el o encargado de buscarnos por esta ribeira de Arousa unha casiña aldeá para volver ao mundo rural que nos fai entoar o Beatus ille horaciano. Que esta terra, que era a súa e tanto amou, lle sexa leve no seu regreso definitivo.

 

Advertisements