MANUEL DOURADO IN MEMORIAM

DOURADO, NUNHA TARDE DE TERTULIA EN ABUÍN (1998)

DOURADO, NUNHA TARDE DE TERTULIA EN ABUÍN (1998)

Fóisenos Manuel Dourado Deira, autor de Conversas con Teresa Castelao (Sotelo Blanco, 1999) e A Mestresa da Casa-Museo: Unha Rosalía rediviva (Deputación da Coruña,2009) sobre Maruxa Villanueva, xornalista colaborador deste mesmo medio e da Revista Encrucillada, e mestre con entrega. Nacido na parroquia rianxeira de Asados (1929) foi labrego de neno e despois músico. Iniciou estudos xa adolescente e, alén de ser mestre, licenciouse en Dereito. Con tales datos, descubrimos un home traballador, un loitador nato para vencer limitacións económicas e culturais que marcaba naquel momento a aldea, e a desolación que no país deixou a guerra civil cando ultimaba a súa infancia. En compañía da súa dona, Avelina González, deulles carreira ás tres fillas e colaborou no eido cultural coa actitude dos bos e xenerosos. Sei, polas nosas conversas, que deixa un libro inédito sobre os inicios do retorno de Castelao, do que agardaba ilusionado a súa publicación. Membro da Fundación Castelao, formou tamén parte da asociación Galicia Viva que publicaba unha revista homónima, das primeiras dixitais, grazas á colaboración do que foi seu alumno, Luis Ordóñez Gonçalves.

Manuel Dourado, como músico que foi, era un melómano que disfrutaba os xoves dos concertos da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Santiago e unha desas persoas que se atopaban na gran maioría dos actos culturais celebrados nunha ampla contorna co centro en Rianxo.  Manuel Dourado Deira estivo vinculado ao movemento de renovación cristiá que xurdiu en Galicia despois do Concilio Vaticano II e se arremuiñou arredor de Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián, de cuxa mesa de redacción formou parte. Xa que logo, o Deus no que el creu, terao acollido no seu seo tal como el desexaba. Para os galegos e galegas deixou a testemuña espiritual de ter feito manda testamentaria pedindo que as palabras que acompañasen os actos que rodearan a súa morte fosen as do noso idioma.

Desde o punto de vista persoal, débolle a Manuel Dourado anoar o lazo que me vincula con Rianxo, pois foi el o encargado de buscarnos por esta ribeira de Arousa unha casiña aldeá para volver ao mundo rural que nos fai entoar o Beatus ille horaciano. Que esta terra, que era a súa e tanto amou, lle sexa leve no seu regreso definitivo.

 

Advertisements

7 opinións sobre “MANUEL DOURADO IN MEMORIAM

  1. Sinto muito por essa perda, Profa. Helena. Sempre nos sentimos mais sozinhos quando se vai alguém que tanto estimamos. Um abraço.

    Gústame

    • Era moi amigo e tertuliano desta casa. Notaremos moito a súa ausencia, pero tamén sabemos que está escrito no noso destino. Abrazo grande.

      Gústame

  2. Grazas, Helena polas tuas fermosas palabras. Describes ben e con sentimento a un home que, para min como filla, foi, é e será sempre unha luz na miña vida. Un bico moi forte¡¡

    Gústame

    • Era un deber de xustiza para un bo amigo. Unha aperta para todas vós, que o manteredes vivo na memoria e no corazón.

      Gústame

  3. Xunguidos nunha fonda amizade as dúas familias a de Manolo Dourado e a miña dende o ano setenta que nos coñecimos. Dende entón foron fondos os agarimos o fillo e as fillas coas súas fillas e os dous matrimonios.
    Foron moitas as excursións por Galicia e fora de Galicia, moitas a xuntanzas, moitas as ledicias compartidas. Manolo era unha persoa dunha integridade moral extraordinaria, un amigo dos amigos e de todos. No seu corazón non hoube más que cariños, si alguén lle fixo mal sempre perdoou, xamáis soubo gardar un rencor.
    Cando non poidemos estar xuntos, xunguíannos as cartas, o teléfono, os correos electrónicos e últimamente o facebook. Xuntos, durante once anos proxectamos, cursos 70 ao 81 con outros compañeiros ilusionantes obxectivos formativo-educativos cos/coas alumnos/os no Grupo Escolar primeiro e logo no Colegio Nacional de Rianxo: nas aulas, na revista Encrucillada, en moitas actividades complementarias e extraescolares.
    Vivín ata o seu pasamento nunca fonda amizade que a morte non pode desunir. Espero vernos, moi axiña, nese outro mundo e vida na que él e eu sempre cremos.
    Manolo, Nucha, Esther, Olga e Lourdes, algúns xa noutra vida os demáis nesta, son para min e a miña familia ese cordón umbilical desde ese ano 70 que nutreu e nutrirá sempre, sempre as nosas almas.

    Gústame

    • Comparta unha a unha as túas palabras, Eduardo. Grazas por deixar aquí a túa entrañable testemuña. Sempre o teremos entre nós. Unha aperta.

      Gústame

    • Eduardo: é hoxe, cando repaso os comentarios sobre o meu pai, cando recordo, coma tódolos días, algunha frase ou consello que me dou, cando aínda sinto a súa mirada agarimosa, e a súa man apertándome forte….. é hoxe, digo, cando acabo de ler o teu fermosísimo comentario, cheo dun sentimento que, me consta, sintes. Simplemente, grazas¡

      Gústame

Os comentarios están pechados.