INSTRUTORA ELEMENTAL

PRAIA DE REINANTE

PRAIA DE REINANTE

O primeiro de xuño de 1959, o segundo curso de Magisterio Femenino de Lugo partíu para o Campamento de San Miguel de Reinante a sacar o título de “Intructora Elemental de Juventudes”, necesario para exercer a carreira. Eran 90 e nas instalacións só cabían 88, mandos á parte, que tiñan habitación individual. Vilas e Villar quedaron sen cama e pasaron o mes durmindo entre as da enfermería e as que deixaban libres as que enfermaban. Na mesa, fóronlles facendo sitio as amigas e nunca tiveron que comer nin na man nin de pé.

O día empezaba cedo con Misa oficiada por un capelán que ía tomar de paso un mes de repouso mental. Mañá e noite facíanse na capela ledaíñas bíblicas en ton  salmódico dialogado. E sendo case imposible facer de corenta e cinco voces unha soa afrautada cun só tempo,  non saían e había que repetir, sobre todo no serán, que o único que se retrasaba  era a cea, ás veces ata as 12 da noite.

 -El Señor es mi pastor/ nada me falta.

-En lugar de pastos me ha colocado…

-….

-….

-Mil saetas caerán a tu siniestra/ y a tu diestra diez mil,/ mas ninguna te tocará.

-Tú en cambio abrirás los ojos/ y verás el pago que se dá a los pecadores.

Cando ía saíndo, Gandoy dicía: “¡Uf, canta saeta!”. Riamos e volta a empezar. Vázquez dicía outra cousa. Risas de novo e así ata a desesperación. Aí a medio mes, a xefa caeu dunha tarima mal colocada e rompeu unha perna. Desde aquela o rezo foi menos rigoroso.

A aprendizaxe reducíase a ximnasia na praia, manualidades femininas e sermón. Villar cortou a pranta do pé cun cristal e varios días tivo que facer carreira por area miúda como azúcar salitrado coa ferida aberta. Só había exención para cousas serias.

Nos sermóns do capelán era tamén difícil aguantar as gargalladas.

-Cuando iban a fusilar a Jesucristo…

Algunha recordáballe que aínda non se inventaran os fusís e el respondía que tiña unha gran revolución interna. Vázquez aducíao a que comía as cereixas da sobremesa coa groia.

Os festivos quedaba algún tempo solto e aproveitaban para ir á praia, pois non había moito para onde coller. Pero o mellor foi o día de San Xoán, patrón de Benquerencia. A comida, medio festiva e na tarde, dúas horas libres para ir ao baile. Villar non era amiga de lle dar ao pé se non danzaba e quedou cunha empregada do traballo de cociña e limpeza sentada no banco dun chiringuito. As mozas eran guapas e tiveron éxito. Os mozos rifábanas e pasaron unha tarde divertida, incluída Villar, que así podía ir fixándose en todo.

Antes da cea houbo toque de xuntanza. A xefa foi lendo a lista das que bailaran con rapaces, todas menos Villar. Aceptados os feitos, comunicou que as 89 quedaban castigadas a non saíren do recinto os días que faltaban. Villar, investida dunha certa autoridade por tan inusual feito, preguntoulle por que non avisaran de que non se podía bailar con rapaces. A da perna escaiolada respondeu no ton solenme de frase lapidaria escrita nalgún código de moral:

-Porque en la libertad se conoce al individuo.

A Villar, que sempre tirou a solidaria e como tal a consideraban as compañeiras, foille doado non volver tampouco á estrada para mercar xelados ou agardar o fotógrafo. E o 31 de xuño saíron todas en autobús cara cadansúa casa. Levaban impreso en cartulina o valioso título de “Instructora Elemental de Juventudes”.

Advertisements

6 opinións sobre “INSTRUTORA ELEMENTAL

  1. Pingback: Helena Villar Janeiro: Instrutora elemental [opi]

    • Unha aperta grande, amiga Profa. Maria Lúcia Dario. Quedou o tempo atrás, pero revívese e anóvase unha a un tempo. As cousas mudaran bastante, pero volven parecerse. Por iso me gustou tanto escribilo.

      Gústame

  2. Unha evanxelización tan ortodosa, é un mundo de cartón pedra, que só pode producir santos ateos; para os altares dos espiritus libres.

    Gústame

    • Todo disimulado. Vin o outro día unha palabra escrita por min que me houbo tirar de cú. Estas máquinas incluso corrixen elas ao seu xeito. ¿Non viches os meu apelidos novos? Sillar Jaranero. Unha aperta.

      Gústame

Os comentarios están pechados.