A NOTA ABERTA

ALUMNAS DE 3º DE MAXISTERIO (1960) NA PRAZA DE ESPAÑA

ALUMNAS DE 3º DE MAXISTERIO (1960) NA PRAZA DE ESPAÑA

A profesora de Matemáticas de Maxisterio chegaba á clase e mandaba botar os cadernos ao chan. Non permitía tomar apuntes e problemas non se facían. Xa que logo, eran innecesarios. Despois daba unha volta polos pupitres para se cerciorar de que non quedaba soporte no que se puidese anotar nada.

Un día Villar arriscouse a escribir a explicación das coordenadas cartesianas no muslo dereito, subindo a perneira do pololo. Aquela lección aínda a ten gravada na cabeza, fresca como unha rosa.

-He convenido en un infinito. Si fueran 2, podían ser 32. Gira, gira, gira en un determinado sentido no teniendo ni máis ni menos, ni menos ni más, siempre, siempre positivo valga la expresión, si os dais cuenta. Con lo cual se demuestra que no tiene importancia ninguna quedando así terminada la función.

Villar puxo xa dous cóbados na mesa como a maioría das compañeiras. E cando a profesora pasou á segunda fase, picou con mentes de borrar a posibilidade da sospeita.

-¿Algo que preguntar? –dixo a profe confiada en que ninguén se atrevía- ¿Algo que no hayáis entendido?

E Villar atreveuse a dicir que non lle quedara moi claro que eran as coordenadas cartesianas. A profesora colleu da mesa o programa da asignatura e preguntoulle un tema dos do final. A moza contestou que non o sabía, póndose rubia porque era moi boa alumna.

-¿Y te atreves a preguntar las coordenadas cartesianas sin saberlo? Pues aquí te queda una nota abierta y te la cerraré cuando me parezca.

Villar non sabía tampouco que era unha nota aberta, pero axiña aprendeu que viña a ser unha ferida que non curaba: unha sangría ou un manancío de pus permanentes… Porque cada dous por tres volvía preguntarlle e, respondese o que respondese, ela dicía que a nota seguía aberta e que estaba suspensa mentres non se pechase.

A principios de febreiro veu unha profesora nova, magnífica. Explicaba ben e trataba con equidade. Pero atopou a nota aberta. É á hora de lle poner a calificación final, falou coa alumna para lle explicar que non lle quedaba máis remedio que ter en conta a outra parte da asignatura, polo que tiña que rebaixar o sobresaliente que merecía a un aprobado.

Pero a Villar abondáballe saber que aquela nota quedaba pechada para sempre. Para sempre. Para sempre…