A PROMOCIÓN

PROMOCIÓN DE MAXISTERIO DE LUGO (1960). A FOTO É DE 1959

PROMOCIÓN DE MAXISTERIO DE LUGO (1960). A FOTO É DE 1959

A promoción de maxisterio formábana 90 rapazas, matriculadas en dous cursos ás que se unía algunha oínte, e un número menor de rapaces. Villar non podería determinar a cantidade porque a educación era segregada por xéneros e o coñecemento dos compañeiros, casual.

Ingresábase co título de bacharelato elemental e un exame no que había que mostrar coñecementos e habelencias para costura (elas) e traballos manuais (eles). Cursábase en tres anos cun plano no que a educación política, relixiosa e física alcanzaban o 26,60% do conxunto programático. A isto había que unir tamén elementos de solfeo, e cantos relixiosos, patrióticos e escolares. A carreira tiña tres cursos con reválida final.

O edificio inaugurárase en 1954, catro anos despois do plano de estudos. Só tiña tres anos ao comezo desta promoción e aínda a novo. O arquitecto deixou un amplo espazo entre ambas alas con rótulo novedoso, PSICOTECNIA, riba das portas laterais que exercían excepcionalmente de vasos comunicantes. Tan ampuloso nome non tiña relación coa actividade que acollía: venda recaudatoria de bocadiños para as excursións de fins de carreira cun mínimo de comunicación transacional cos compañeiros. Aquel cuarto de hora de recreo en tercerio curso era o momento máis normal da Escola Normal. Verbo da palabra psicotecnia, non lle preocupou a ninguén que significaba. Claro que nun inquerito sobre que asignatura suprimiría o alumnado, saíu con maioría aplastante a propia Pedagoxía.

Villar fixo bocadiños e axudou a organizar unha merenda por San Tomé de Aquino (daquela o 9 de marzo) para sacar máis cartos, aínda que non iría na excursión que se dirixía a Roma. Non podía cargar a familia con ese gasto nin ser insolidaria co traballo de onde saía a posibilidade de cumprir o soño de estudar unha carreira. Así que marchou para a casa, dixo que lles deran unha semana de vacacións e púxose a traballar para a festa da Ascensión en San Román. Ela traballaba nas chaquetas, o máis difícil dos traxes. Pinzas, petos, picado de lapelas e colar, forrado de pasamáns, volteo de cantos, suxección de vistas, feitura de mangas, calado de cantos, unido de tapa do colar coas lapelas –un dos traballos máis delicados- e ollais con seda e agromán, no que era unha auténtica especialista.

Pero quedoulle moita gana de ir a Roma. E aínda matina con que ten que ver a cidade eterna antes de morrer.

 

Advertisements