A PROMOCIÓN

PROMOCIÓN DE MAXISTERIO DE LUGO (1960). A FOTO É DE 1959

PROMOCIÓN DE MAXISTERIO DE LUGO (1960). A FOTO É DE 1959

A promoción de maxisterio formábana 90 rapazas, matriculadas en dous cursos ás que se unía algunha oínte, e un número menor de rapaces. Villar non podería determinar a cantidade porque a educación era segregada por xéneros e o coñecemento dos compañeiros, casual.

Ingresábase co título de bacharelato elemental e un exame no que había que mostrar coñecementos e habelencias para costura (elas) e traballos manuais (eles). Cursábase en tres anos cun plano no que a educación política, relixiosa e física alcanzaban o 26,60% do conxunto programático. A isto había que unir tamén elementos de solfeo, e cantos relixiosos, patrióticos e escolares. A carreira tiña tres cursos con reválida final.

O edificio inaugurárase en 1954, catro anos despois do plano de estudos. Só tiña tres anos ao comezo desta promoción e aínda a novo. O arquitecto deixou un amplo espazo entre ambas alas con rótulo novedoso, PSICOTECNIA, riba das portas laterais que exercían excepcionalmente de vasos comunicantes. Tan ampuloso nome non tiña relación coa actividade que acollía: venda recaudatoria de bocadiños para as excursións de fins de carreira cun mínimo de comunicación transacional cos compañeiros. Aquel cuarto de hora de recreo en tercerio curso era o momento máis normal da Escola Normal. Verbo da palabra psicotecnia, non lle preocupou a ninguén que significaba. Claro que nun inquerito sobre que asignatura suprimiría o alumnado, saíu con maioría aplastante a propia Pedagoxía.

Villar fixo bocadiños e axudou a organizar unha merenda por San Tomé de Aquino (daquela o 9 de marzo) para sacar máis cartos, aínda que non iría na excursión que se dirixía a Roma. Non podía cargar a familia con ese gasto nin ser insolidaria co traballo de onde saía a posibilidade de cumprir o soño de estudar unha carreira. Así que marchou para a casa, dixo que lles deran unha semana de vacacións e púxose a traballar para a festa da Ascensión en San Román. Ela traballaba nas chaquetas, o máis difícil dos traxes. Pinzas, petos, picado de lapelas e colar, forrado de pasamáns, volteo de cantos, suxección de vistas, feitura de mangas, calado de cantos, unido de tapa do colar coas lapelas –un dos traballos máis delicados- e ollais con seda e agromán, no que era unha auténtica especialista.

Pero quedoulle moita gana de ir a Roma. E aínda matina con que ten que ver a cidade eterna antes de morrer.

 

5 opinións sobre “A PROMOCIÓN

    • Xustamente escribo esta pequena serie de relatos porque as circunstancias se me volven asemellar. A lei Wert recórdame todo isto. Non podo evitalo. E mesmo a situación social é parecida. Unha aperta, Ricardo.

      Gústame

  1. Hai que ir, Helena. Eu, que viaxei pouco, ou alomenos menos do que quería ( ou podía), é das cousas que máis recordos ( bos) reteño no disco duro da cachola: as viaxes. Supoño que ó chegar unha certa idade un xa fai balance do que foi a súa vida; o bo e o malo. Pois penso que unha das cousas boas son, precisamente, as viaxes, que nunca se esquecen. Vostede non é vella. Aínda ten moito tempo de descubrir novos paraísos. É máis, a literatura agradecería que plasmase a beleza e as “aventuras”desas viaxes; e, por riba, ten un bo compañeiro de viaxe.
    Volvendo ó relato, anque se sabe o que pasou no franquismo (ou alomenos bastantes cousas )non está demais que nos lembren con vivencias propias o discurso daqueles tempos tan tépedos. Son anaquiños da nosa historia, anaquiños que nin o paso do tempo fanos esquecer. Roma… Roma ven vale… Noraboa e a plantexa-la viaxe xa!.

    Gústame

    • Irei a Roma, pero a viaxe proxectada cambieina polo xuntoiro co Suso e pagou a pena. Coñezo medio mundo e teño escrito relatos sobras viaxes. De feito, pisei os catro grandes continentes.
      Verbo deste relato a idea era xirar arredor da palabra PSICOTECNIA metida nunha Escola de Maxisterio que non sabía que era, do desprezo do alumnado pola Pedagoxía, da anomalía das relacións segregadas e do sacrificio dalgunhas familas para lograr estudos, incluíndo na ascese aos propios estudantes. Finalmente finxen unha homenaxe ao meu oficio. Graciñas polo aprezo.

      Gústame

Os comentarios están pechados.