CADA PARROQUIA SEU SANTO

SANTA APOLONIA

SANTA APOLONIA

A parroquia galega é ela e o seu santo ou santa, xa que non se trata só dunha institución relixiosa senón tamén dunha pequena circunscrición administrativa. Sabémolo  quen vivimos no medio rural e temos que dar o noso enderezo a instancias foráneas descoñecedoras da nosa administración. Lugar, parroquia, concello e provincia son demasiados datos e non caben nos encasillados dos impresos que non contemplan a singualaridade do noso país. En chegando a parroquia, quedan pampos porque haxa que colocala nun enderezo. Pois si. Galicia ten características administrativas de seu e, xeralmente, os galegos identifícanse ante outras persoas non polo lugar onde viven ou naceron senón pola súa parroquia.

Xosé Manuel González Reboredo ven de publicar Os santos titulares das parroquias de Galiza   (Sotelo Blanco, 2012), galardoado co Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. O recoñecido etnógrafo fai un estudo dos vellos santiños, cuxas devocións perduraron desde os principios do cristianismo, xeralmente mártires e algún confesor, aínda que mudase o templo que os acolleu, e tamén das innovacións santorais a partir do século XV e na actualidade,  maiormente nas parroquias urbanas de nova creación.

Baseado en abondosa bibliografía, o autor fai unha enumeración territorial das parroquias e os  titulares máis frecuentes, tendo en conta que aquelas non coinciden coas provincias, porque eclesialmente forman parte das dióceses. Incluso hai lugares que pertencen a dúas parroquias e  parroquias en territorio galego cuxa diócese está alén das fronteiras actuais, é dicir, na Galicia histórica. Narra tamén as peripecias dos nosos santiños e santiñas, uns propios da terra e outros que foron adaptados a ela e trata de abondosos santuarios a eles adicados. En relación á frecuencia, Santa María, Santiago e San Pedro son os santiños que se estenden máis no padroado.

O libro acaba cunhas notas sobre o futuro das nosas parroquias e os seus santiños, reflexións arredor da impresión xeralizada de que o tipo de parroquia que sobreviviu durante séculos está en situación de decadencia e mesmo de disolución. As transformacións que está experimentando o mundo rural, a social e a relixiosa tan estreitamente vinculadas xunto coa económica, ameazan desde o último medio século este modo de vida tan noso.

 

 

 

Advertisements