POEMA PARA ISAAC DÍA PARDO NO SEU PRIMEIRO CABODANO

ISAAC DÍA PARDO POR ANTÓN PULIDO

ISAAC DÍA PARDO POR ANTÓN PULIDO

RENACE A PRIMAVERA POR RIANXO

 Boisaca (05-01-13)

 Non veño aquí para negar a morte anque puidera,

pois sabermos que vós, que sodes grandes,

ides co resplandor na Alba de Gloria marcándonos camiño,

dinos ás claras que morrer é tránsito

para seguir na vida dando luz

aos nosos pasos torpes

que precisan guieiros.

 

Non veño aquí para negar a morte, anque puidera

porque a morte anda en vida

cos que camiñan tropezando en todo

canto de bo deixastes,

podrecendo o que tocan ou trafegan,

dirixindo os destinos dos que nos cremos libres

e cargando económicos misís

que sementan a terra de inmaduros cadáveres

ou fan da fame horror de caliveira.

 

Eu tan só veño a ti, a frecuentarte,

co fardo milenario que os poetas transportan

para que non desaparezan as palabras

luídas polo tempo e polo canto,

as palabras que en herdo nos deixastes.

 

Ademais de palabras,

veño traerche a ponla dun salqueiro

que anda na flor na benquerida Arousa,

o canto dunha rula madrugueira

que oín esta mañá

e as rosas rianxeiras de xaneiro

últimas ou primeiras, que alí a rosa

pode vencer o tempo

como fixo Daniel,

como fas ti.

 

 

 

 

Advertisements

OS DOTES

TERCEIRO CURSO DE CARREIRA. VILLAR COA CHAQUETA VERDE

TERCEIRO CURSO DE CARREIRA. VILLAR COA CHAQUETA VERDE

Villar herdara dotes para a música da familia paterna. Tiña voz de soprano con bonita coloratura e buscaba os intervalos de terceira para o dúo coma ninguén. Ademais, sabía solfeo. Iso acarreulle un gran problema para aprobar a asignatura de música. Corría o bulo de que non se aprobaba sen un agasallo, aínda que fose modesto. Pero ao chegar a ela, a profesora dicía que non aceptaba nada porque sabía música e ía á clase, cousas que eran certas.

-¿No es la de la chaqueta verde? –preguntaba, referíndose a unha chaqueta de punto verde mazá con botóns de madeira chamativos-. Además, esa niña viene a todas las clases.

Villar atopouse daquela con dous problemas, porque tivo que buscar unha recomendación para a recomendación xa que tiña que asegurar o aprobado.

Cando chegou outra profesora para organizar o coro, probou as voces e a dela non servía. Xa rematada a carreira e coa praza en propiedade, por amor á profesión renunció a unha beca para estudar canto na Real Academia de San Fernando. Formou parte de todos os coros que se lle puxeron ao alcance, desde o da RENFE (Monforte) ata o do Colegio Mayor Chaminade (Madrid) e nas escolas dirixiu coros fóra do compromiso profesional.

Tiña tamén paixón pola expresión plástica, pero aprobou o debuxo calcando láminas doutras compañeiras nos cristais das fiestras, porque as dela non servían. Incluso as súas redaccións nunca estiveron entre as mellores por máis que lle gustase escribir, ao que acabaría dedicando a vocación paralela.

Non escollera a carreira por gusto, senón por limitación económica, pero aspiraba a ser unha profesional digna. A sona que foi collendo ao destacar nas materias máis difíciles fixéronlle coñecer o comentario da profesora de Prácticas noutra clase onde se falaba dela.

-Villar nunca será una buena maestra. Es muy inteligente y no se dedicará a la profesión.

A habelencia que lle foi recoñecida, madia leva, era a de bordadora e calcetadora. Facía a súa roupa ás espetas e ao gancho e nas clases dáballe ao bodoque, ao filtiré, ao ollete, á vainica, o richelieu, ao repulgo, ás costuras francesa e inglesa, ao matiz e ao que fixese falta. E esa habilidade foi aproveitada nas Prácticas para lle facer a unha boneca un traxe calcetado con agullas de coser lá. Era unha auténtica fazaña conseguir aquel primor, pero a nota que apareceu foi outra vez aprobado.

-Nunca será una buena maestra.

Quizabes tiña razón. Estando na escola de Armesto, a señora Camila de Cela, que en gloria estea, viu as preciosas bonecas de fieltro que facía nas horas mortas e díxolle con cariño:

-Parece mentira que se dedique a mestra co ben que lle saen estas cousiñas…