A CASTELAO NO 63º CABODANO DO SEU PASAMENTO

CASTELAO E CABANILLAS

CASTELAO E CABANILLAS

 

EN BONAVAL, PERANTE CASTELAO XA RETORNADO

 

Contando pedra a pedra,

rosa a rosa,

faltaba no colar de Compostela

a pedra túa,

a túa rosa,

irmán.

 

A cidade era pedra

e era rosa,

pedra e rosa, anque eivadas.

Eivadas as campás,

o Día Grande,

o balbordo festivo,

mesmo as dores

máis entrañables e máis misteriosas.

Eivados os discursos

e as mensaxes.

 

Non puideron contigo as andoriñas…

Tras tantas primaveras soterrado

en terra allea, en permanente sombra,

non puideron as aves,

nin toda a natureza, completar o teu oco na Cidade.

 

Cada solpor sen ti

era un caer o sol polo Pedroso

preguntando ferinte

“¿Que lle digo a Daniel?”

 

E a cidade, estantía,

en silencio ou balbordo,

trascendendo as metáforas ata a melancolía,

respondía a cotío:

“Dille que me complete,

que voe só, que burle

todas as vixilancias.

 

Que falta do colar a súa rosa.

Que falta a súa pedra”.

 

Santiago de Compostela, xaneiro de 1986

Advertisements