ORA ET LABORA

UNIFORME DE XIMNASIA. DEBAIXO DA SAIA ÍAN UNS POLOLOS

UNIFORME DE XIMNASIA. DEBAIXO DA SAIA ÍAN UNS POLOLOS

Os libros de texto eran de papel escuro, desagradable. Algunhas alumnas non os compraban e metían os cartos noutras cousas. Facían ben, porque non os miraban. Na primeira páxina, era habitual poñer un poema-xaculatoria:

Virgen Santa,

Virgen Pura,

haz que apruebe

esta asignatura.

Os de Villar tíñana e os das amizades próximas, tamén. Pero non abondaba. Para que surtise efecto había que ter sorte co profesorado e estudar a fondo. Tamén quedaba un recurso complementario: dar o día antes do exame unhas voltas arredor do altar, central e exento, da Virxe dos Ollos Grandes de xoenllos. Villar non cheguou a facelo porque traballaba e tiña un sexto sentido que a avisaba dos días perigosos, agás da infeliz clase das coordenadas cartesianas.

Unha tarde foi coas amizades polo parque e atoparon un profesor recentemente incorporado. Saudouna de xeito moi cordial, porque lle cadrou pasar cerca, e ela marchou a escape estudar a lección que explicara pola mañá. Deloutro día, el chamouna, cousa que non adoitaba facer. Valeu máis a tarde de estudo asisado que desfacer as medias e os xeonllos contra chan da catedral de Lugo arredor da Virxe que deu orixe á Salve.

Canda aquel profesor chegaron tamén mulleres aínda novas que acabaron coa rotina. Xa pagaba a pena estudar, aínda que Villar estaba motivada de seu. Había tamén unha profesora maior que daba clase en terceiro e sabía a materia que explicaba. No primeiro exame, Villar levou un 10, mais a profe esixiulle que lle dixese a que academia ía. Villar contestou que non a podía pagar e que entendía moi ben as súas explicacións. Pero ela non llo creu. Outra posibilidade era que o exame fose copiado, pero non había outro igual, nin parecido. E despois de lle prohibir a asistencia á pasantía, impúxolle a obriga de facer os exames na súa mesa á vista de toda a clase e con ela ao lado. Villar resistiu a primeira proba con moito medo a non igualar o exame  anterior, pero houbo sorte. Saíu outro 10 e a profesora autorizouna a se examinar no asento.

Volveron topar a fin de curso. Subían de ximnasia e o seu grupiño asomouse á porta da rúa. Chegaba esta profesora e as compañeiras escaparon para dentro. Villar quedou para saudala. Aos 10 minutos foi chamada á dirección. Cometera unha falta gravísima: estar na porta con aquela roupa e aquel calzado. O castigo que merecía era non acabar a carreira en xuño. Ela deixaríalle a asignatura para setembro.

Villar recorda por igual o desgusto e a solidariedade do alumnado, tamén do masculino, para defendela do atropelo. Non sabía que a apreciaban tanto nin que a inxustiza tiña tanto vulto. Ante a unitaria protesta, a profesora depuxo a súa actitude. E ela puido acabar e presentarse á reválida. Levaba un dos dous mellores expedientes da súa promoción.

Advertisements