PETITE FLEUR

NA ROMARÍA DE SANTA ISABEL, OUTEIRO DE REI

NA ROMARÍA DE SANTA ISABEL, OUTEIRO DE REI

Franco e os seus secuaces puxeran a parir as mulleres. A sagrada misión, que as pechaba no fogar, completábase coa das conxéneres obrigadas a facer o Servicio Social de la Mujer, un instrumento de captación ideolóxica dependente da Sección Feminina e copiado da Alemania nazi. E con el topou Villar o verán de 1960, acabado Maxisterio e cunhas oposición convocadas ás que non puido concorrer por non se ter empregado no deber cívico de entrega ao próximo, obrigatorio para acceder ao funcionariado, entrar no mundo laboral ou simplemente obter o permiso de conducir.

Ás aspirantes a mestras, convalidábaselles automáticamente o período de formación relixiosa, política e moral polo curriculum e a súa prestación duraba dous meses facendo cestiñas de paxeis para recén nacidos. Así que Villar pasou aquel verán en Lugo, compaxinando as obrigas patrias cunha vella aspiración de súa  nai: aprender mecanografía.

Entrou unha mañá no taller da chamada Rúa da Estación e puxérona a calcertar xibóns de cores pastel para bebés. Cando se deron conta do ritmo que lle metía á espeta, as mandos puxérona a calcetar para elas rebecas e xersés. Así que foi doado cumprir a misión altruísta cun traballo que lle gustaba facer.

Polas tardes, foi tres horas semanais a unha clase particular de mecanografía en Bispo Aguirre. Esquerda: asdfg. Dereita: ñlkjh. No medio, barra de espazo co polgar, alternando as mans. Como non tiña máquina nin posibilidade de a mercar, fixo un teclado de cartón e ía practicando riba das mesas, no cu das sillas ou deitada na cama. Subindo e baixando de teclado, buscando palabras segundo as letras automatizadas e facendo autoditados, colleu axiña velocidade. Cando acabou as clases posuía as pulsacións que se esixían a unha profesional. Súa nai púxose moi contenta. Ela aínda non sabía o moito que desa habelencia se había valer na vida.

Nas tardes libres, ía con algunha amiga ás festas de verán dos arredores de Lugo, desde A Chanca a Montirón. Como de pequenas, comían rocas de azúcar e divertíanse a risa limpa. Pero agora, gustáballes bailar con algún mozo guapo. A canción que tocaban as orquestas era “Pequeña flor”, da que sabían algunha estrofa da clase de francés, máis bonita que a versión en castelán.

Si les fleurs
Qui bordent les chemins
Se fanaient toutes demain
Je garderais au coeur

Celle qui
S’allumait dans tes yeux
Lorsque je t’aimais tant
Au pays merveilleux
De nos seize printemps.
Petite fleur d’amour
Tu fleuriras toujours
Pour moi

(Se as flores que bordean os camiños se cortasen todas mañá, eu gardaría no corazón a que se encendía nos teus ollos cando te amaba tanto no país marabilloso das nosas dezaseis primaveras. Pequena flor de amor, florecerás sempre para min)

Villar xa non tiña dezaseis anos. Cumpriría os 20 en setembro, pero vivía en serena primavera, como o amor da canción, e aínda tardaría en chegar ao país emocional do vals e a rosa.

Pero en outubro incorporouse xa, como mestra interina, a unha escola dos Ancares.

Advertisements