ALFONSO BLANCO, VECIÑO NECESARIO

ALFONSO BLANCO TORRADO CON NO XANTAR DE HOMENAXE

ALFONSO BLANCO TORRADO CON NO XANTAR DE HOMENAXE

Con motivo do 25 aniversario do accidente marítimo do Casón na costa de Fisterra e do rechazo da vila de Guitiriz a que se levase a súa carga tóxica ao campamento militar de Parga, a veciñanza da vila chairega organizou un programa de actos conmemorativos. Pola mañá, na Casa Habanera, presentouse o documental “O paso do Casón por Guitiriz”, editado por Paco Ja, e unha reedición da revista “Xermolos”, da asociación cultural homónima, co título de “25 anos despois do Casón”. Ambos soportes recollen imaxes, textos e fotografías  con análises, críticas, crónicas e testemuñas de personas que viviron de cerca os acontecementos daquela resistencia pacífica. No acto houbo tamén a interpretación musical do dúo Mini e Mero.

A alma mater de Xermolos é o crego Alfonso Blanco Torrado, que fora portavoz naquela ocasión do pensamento dos veciños entre os que se creara conciencia colectiva de se opór a unha carretaxe de bidóns con substancias nocivas que se viu obrigada a virar cara á planta de Alúmina-Aluminio en Cervo. Por iso, dentro desta conmemoración, tivo lugar un xantar de confraternidade ao que asistiron unhas trescentas persoas –non daba para máis o local- que se converteu en homenaxe colectiva a este home bo e xeneroso que leva tantos anos traballando por aquela comarca.

Na sobremesa, Alfonso Blanco Torrado recibiu de mans do alcalde unha escultura acreditativa do título de “Veciño Necesario da nosa Comarca” e diversas personalidades do mundo da cultura tomaron a palabra para agradecer o traballo que ten desenvolto e axudado a manter no tempo iniciativas como o “Festival de Pardiñas” e a colaboración cos Concellos da Terra Chá e a Fundación Manuel María nunha acción cultural ampla e fecunda ao longo dos anos. Eis as palabras con que Marica Campo acabou o seu discurso: “Da estirpe dos imprescindibles es ti, Alfonso, que deixaches o mar pola Chaira. Mais aquí, en Guitiriz, agradecida, a Chaira faise océano e énchese de ondas para mover o barco de Xermolos.” Dixeron os mozos organizadores da homeaxe que a idea lles viñera doutra que lle fora ofrecida o pasado ano por Biblos-Pazos de Galicia co título de  “Colaborador Necesario coa Cultura”, que recoñecía así o seu traballo de base durante décadas tanto no campo social como no cultural, desenvolvido moi especialmente en Guitiriz.

 

 

Advertisements