TRES TÍTULOS NUN MES

FOTO DE CARNÉ ENTREGADA Á ADMINISTRACIÓN EN 1960

FOTO DE CARNÉ ENTREGADA Á ADMINISTRACIÓN EN 1960

Setembro de 1960, xusto sete anos despois de que Villar rogara na casa que a mandasen estudar, chegou tan cargado de ilusións como unha mañá de Reises. Sabía que ía descubrir moitas cousas en pouco tempo. E así foi.

Primeiro, foi facer o depósito do título, a derradeira xestión na Escuela Normal de Magisterio. Alí déronlle un resgardo que garantía que era MAESTRA DE PRIMERA ENSEÑANZA, polo que podía aspirar a unha praza para desempeñar ese papel.

Despois descubriu a Delegación del Ministerio de Educación Nacional, á que había ir moitas veces, onde cubriu unha solicitude de praza como mestra interina. Xa a chamara unha propietaria no concello de Abadín para substitución, que gañaría menos e estaría en situación irregular contra o que estaba toda a familia. Era ben tolerado que unha mestra rural deixara alguén no posto, sobre todo se ese alguén lle gustaba máis á xente que a titular, como adoitaba acontecer. Pero axiña chegou por correo o aviso de que lle adxudicaran a escola rural de Vilaver de Cervantes, no corazón dos Ancares, terra que vía desde a fiestra da habitación, a que tiña pola noite a lúa máis bonita, o paraíso ao que quería volver desde a estancia de quince días cando cumprira os oito anos.

Foi tomar posesión a San Román, capitalidade do Concello, onde estaba a Junta Municipal de Educación Primaria. E déronlle outro título, o primeiro título administrativo con data da toma de posesión e onde se poñería tamén a do cese. Era o primeiro papel dun expediente profesional que estaría ao seu cargo e que precisaría amosar con frecuencia. De San Román volveu mestra interina. Subira o primeiro banzo da escaleira profesional e fixo á man a copia para presentala na Delegación. “Copia literal de un escrito.- Hay un sello en la parte superior derecha que dice: “Ayuntamiento de Cervantes” (…).- Firmado.- Ilegible.- Rubricado”. E foina entregar.

A terceira viaxe xa foi a Vilaver, a aldea costaneira, grande e fermosa, que estaba anotada na libreta das medidas da xastrería detrás do nome de moitos clientes. A escola era de nova creación, pero levaba dous anos funcionando. Ocupáraa outra moza do propio concello que pediu o traslado e estaba situada na primeira planta da Casa da Groba, que tamén lle dera acollida nun cuarto situado dentro da mesma planta, cunha porta que daba directamente á aula, como todo feito á medida

Como as mestras ían marcando estilo nas aldeas, o primeiro día Villar foi chamada “señorita”. E por señorita sen nome foi citada sempre en ausencia e en presencia, igual que lle chamaban á mestra anterior. Iso dáballe igual pero gustoulle que recoñecesen a seu pai como “o pai da señorita” non á señorita como “a filla do xastre Abelardo”.

Era o terceiro título. Xa era alguén. Nova, inxenua, inexperta, revestida coa carga dun manto profesional aínda de papel que lle pesaba moito nos ombreiros, volveu a casa buscar a primeira subsistencia.

Había que enfrontarse a unha realidade urxente e descoñecida.

Advertisements