NO BICO UN CANTAR

RIANXO. SETEFOGAS

RIANXO. SETEFOGAS

Galicia ten un folclore musical vivo, rico e variado. As cancións medievais traspasaron o territorio e na nosa lingua trobaron músicos e poetas foráneos. O Rei Sabio louvoou a Santa María con cantigas feitas ao noso modo. Na catedral de Sevilla cantábanse vilancicos galegos. Os nosos grandes compositores (Montes, Chané, …) fixeron cancións con versos de poetas (Rosalía, Curros…). Temos hoxe importantes compositores e intérpretes e o noso repertorio da música chamada “culta” é amplo e de calidade. Os músicos seguen interactuando cos poetas. Non é de estrañar que a televisión lle fixese un oco ao apartado do noso patrimonio que representan as cancións e, canda elas, aos seus autores, intérpretes, éxitos e contextos.

Parte do derradeiro verso do epicedio que Curros dedicou a Rosalía en 1991 serve de título ao programa da TVG que dá a coñecer algunhas das nosas cancións con máis popularidade entre públicos diversos. “No bico un cantar” afortunadamente emítese en horas en que o pode ver moita xente que xa lle ten probado fidelidade malia a estar nos seus comenzos. Nel móstrase o traballo de investigación e a realización na rúa en diversos escenarios, ocupándose de letras, músicas e, segundo o caso, dos seus varios intérpretes.

Con cadansúa canción, este espazo é rigoroso e ameno, dando conta dos letristas –case sempren poetas- e dos compositores, ao mesmo tempo que mostra a peza en versións de diferentes intérpretes individuais e/ ou colectivos, facilitando a audición das versións que se poden facer dun mesmo tema segundo as diferentes estéticas, arranxos e momentos interpretativos. E todo contextualizado na historia do país e da xente transterrada, dos nosos éxitos e dos nosos infortunios colectivos.

Van emitidos catro capítulos que teñen como protagonistas “A Rianxeira” (Anxo Romero Loxo/ Xesús Friero Dourado-sobre coplas populares), “O Tren” (Andrés Dobarro/ Xavier Alcalá), “Negra sombra” (Xoán Montes/ Rosalía de Castro), “Galicia Terra Meiga (Manuel Muñiz sobre creación popular e interpretada por Ana Kiro)

Na continuación dos programas presentaránsenos poetas, compositores e intérpretes doutros temas que seguirán mostrando a gran variedade das nosas cancións preferidas polo público, como son “A Carolina”, “Quen poidera namorala”, “O Carro” ou “Pousa, pousa”.

Advertisements