PERIGOS DAS DO MEU TEMPO

VIRGO EN MAÑÁ DE BRÉTEMA

VIRGO EN MAÑÁ DE BRÉTEMA

Nas polavilas só aparecían rapaces e apúxenllo a que as rapazas non sairían de noite. Pero na primeira misa á que baixei, tampouco estaban e iso estrañoume máis. As do meu tempo, polo que fose, non se mostraban en público.

Cando preguntei polas mozas, respondéronme  que as mandaban con algún parente para Barcelona, pero non me dixeron o porqué. Había un tabú con este tema e seguín coa pesquisa ata descubrir que era o problema da seguridade feminina, as esforciaduras –esforciar, no galego da zona é violar- ás que se vían sometidas as rapazas que andaban soas co pastoreo ou noutros labores.  Só permanecían na aldea as que non tiñan irmán e as meirandes de prole numerosa que axudaban a criar. Nese ano que me ocupa, eran só dúas e unha aínda viña á escola.

Tiña eu oído que antano houbera un home en Barra –non moi lonxe de alí- que tiña dez denuncias por tal delicto no xulgado e o día que ía a Becerreá para un dos xuízos, violou a unha pastora cavilando que que máis tiñan dez que once causas.

No mundo rural eran frecuentes estes abusos, tanto como que a eles se refire a cantiga popular que cantaba a xente quizabes allea ao seu significado:

Maruxiña, Maruxiña,

a do refeixo amarelo,

se te atopo no camiño

non che ha de valer “non quero”.

Aquela sociedade buscaba solución para os problemas máis duros das mulleres, pero tamén estaba sentando as bases da súa propia demolición. Noutros aspectos, a relación entre os sexos era abordada dunha maneira ancestral e, ao mesmo tempo, avangardista que fun coñecendo algo máis tarde. Se un home deixaba a unha solteira embarazada, non lle daba as costas ás obrigas de pai. Sen chegar a recoñecer a criatura, facíase, en parte, cargo dela coa tolerancia da súa muller. E, se era neno, encargábase el de lle ensinar un oficio mesmo traéndoo temporalmente a vivir á propia casa. Esta actitude tiña certa semellanza coa sociedade máis avanzada que recoñece para os fillos naturais o dereito á herdanza de seu pai e tamén coas relacións que se orixinan nas familias con fillos e fillas doutra parella.

As mozas do meu tempo deixaban a aldea á que eu chegaba por motivos de seguridade… Eu non ía andar soa pastoreando, pero si iría a Santalla ver a compañeira e andar moitos quilómetros de viaxe por camiño e estrada desertos, cando menos para ir cobrar cada vez a Lugo – Banco Hispano Americano- con parada na miña casa.

A primeira vez, baixei con algo de medo, pero non había outra. Coincidín á volta no autobús cun mozo algo máis vello ca min que tamén se apeou en San Martín da Ribeira e colleu o meu camiño. Iamos subindo case xuntos e ao pouco tempo empezamos a falar e fomos de palique ata Quindous, porque el seguía Ancares arriba e eu xa empezaba a ladear as dúas montañas.

Ao día seguinte, un veciño que foi mercar algo a Quindous, veu coa nova de que chegara a garda civil buscando un asasino fuxido do cárcere, que subira desde San Martín, e que xa deran con el. Daquela sentín un gran calafrío polo lombo. Aquel mozo atento e conversador que trouxera ao lado durante tanto tempo era un asasino!

Naquel mundo rural que me seguía a parecer idílico nunca pasei medo por ser muller. Sería catro anos máis tarde, na cidade de Lugo e vindo dun profesor amigo que me acompañaba á pensión, cando coñecería o pánico de me defender con uñas e dentes dun potencial violador.

 

 

Advertisements

2 opinións sobre “PERIGOS DAS DO MEU TEMPO

    • Graciñas, Ricardo. Para escribir hai dúas condicións imprescindibles. Ter algo que contar -teño moito, moitísimo- e atinar como facelo. Isto xa non sei se o lograrei, pero ando a ver se me acomodo. Unha aperta grande.

      Gústame

Os comentarios están pechados.