A CASA DE LUÍS DE LAMAS

SERRA DE ANCARES DESDE BECERREÁ

SERRA DE ANCARES DESDE BECERREÁ

Lamas é un lugar da parroquia de Becerreá, no concello homónimo, que no meu tempo se caracterizaba por enviar á misa de Ramos as ponlas máis grandes de loureiro. Tamén viña de Lamas o carro de leña de carballo que se queimaba na fogueira a véspera das Candeas. Polo demais, Lamas era unha aldeíña tranquila ata que hai uns días pasou a se converter nun fortín de parroquianos para defenderen a Casa de Luís, ameazada de derrubo.

Nas crónicas escritas está recollida a unión dos habitantes daquelas terras para se sublevaren contra as tropas napoleónicas na Ponte de Cruzul no s. XIX. Nas que están por escribir, tería cabida a confabulación da vila no primeiro cuarto do XX contra un rexistrador da propiedade, recén chegado, ao que se lle ocorreu dicir que non había en Becerreá compañía digna para a súa filla. Do pouco tempo que permaneceu alí, quedou unha canción que recibín en herdo canda o relato dos acontecementos: “Por favor, por favor/ si vas a Becerreá/ no hables con el registrador/ que es la peor calamidad”.

Xa no XXI hai en Lamas unha revolta parroquial para evitar que a casa de Luís sexa derrubada por  unha orde da Xunta. Grazas ás TIC, esta rebelión está sendo coñecida en toda Galicia, en tempo real, e moitas persoas unidas a aquela vila sentímonos solidarias con Luís e coa súa casa anque sexa na distancia, porque consideramos que habería moitas casas que demoler no país das falcatruadas urbanísticas e non só esas. A veciñanza, por quendas, pasa alí as horas para impedir a destrución dun edificio nada ostentoso con problemas de legalización que desaparecerán tan pronto como se aprobe o PXOM. Xa que logo, dáse o paradoxo de que o edificio puidese ser demolido e uns meses despois edificarse de novo. Esta lóxica é quen inspira a solidariedade que, cando menos no principio, lle chegou  tamén dos tres partidos políticos con representación no Concello. Os seus representantes constituíron xa o primeiro día parte dese círculo protector que rodea a casa de Lamas e o seu dono.

O Concello apoia tamén á Garda Civil acusada de non sancionar un vehículo supostamente mal aparcado que serviría de obstáculo á maquinaria. Segundo informa “El Correo Gallego”, o secretario xeral da Unión de Guardias Civiles defendeu a actuación dos axentes do pasado 16 de febreiro, data na que a Policía Autonómica pretendía executar o derrubo.

Advertisements

2 opinións sobre “A CASA DE LUÍS DE LAMAS

  1. Outro dos grandes activos do rural: a solidariedade. En tempos tan difíciles coma nos que estamos a vivir. Mais que nunca, cómpre moita solidariedade. Se os de abaixo non nos axudamos, ¿ quen nos vai a axudar?. Parabéns á veciñanza e moita sorte coa reivindicación.

    Gústame

  2. Grazas, Xabier. Teño o ordenador feito un desastre e non podo atendervos como debía. Tes razón no da soliedariedade e había que volver atrás para asumírmola como un dos nosos sinais. A ver se coa crise o aprendemos.

    Gústame

Os comentarios están pechados.