CON MANS UNIDAS

POBREZA E FRAXILIDADE

POBREZA E FRAXILIDADE

“Non hai xustiza sen igualdade” é o lema da  “XXIV Campaña contra a Fame”,da ONG Mans Unidas, presentada o 28 de xaneiro. Rematará o próximo domingo e dentro dela hoxe é o “Día do xexún voluntario” coas “Ceas da fame” nalgunhas parroquias de Santiago e arredores.

É doado esquecer a pobreza dos verdadeiramente pobres cando os nosos medios económicos diminúen. Pero vivir una crise deberá servir para darnos conta de que hai millóns de habitantes no planeta en situación continuada de penuria, de violencia e ata das catástrofes naturais que afrontan sen protección persoal, da terra nin das humildes vivendas que os acochan. Por iso Mans Unidas traballa en varios países do terceiro mundo comprometida na loita contra a fame, a enfermidade, o subdesenvolvemento, a falta de instrucción e as causas que as producen para conseguir os Obxectivos do Milenio.

Hogano, a campaña está comprometida coas mulleres, pois a organización constata día a día que a pobreza e inexistencia de liberdades se ceban fundamentalmente nas mulleres de todas as idades. Elas son as protagonistas do comercio internacional de persoas e do analfabetismo. Son tamén as que sofren máis tipos de violencia e as máis apartadas dos sistemas bancarios, que subestiman a súa capacidade de pago. Isto que pasa no terceiro mundo, en menor medida, estámolo a comprobar na nosa propia sociedade cando pasa por baixóns económicos. As mulleres son sempre as máis prexudicadas pola crise, pois todos os poderes se ceban na condición feminina cando fan retroceder.

Os principais factores que xeran as desigualdades entre mulleres e homes maniféstanse na pobreza e na fame, no analfabetismo, na enfermidade e falta de atención na xestación e no parto, no abuso sexual e a trata de brancas, no matrimonio en minoría de idade, na dificultade para obter créditos, e no acceso ao traballo e as condicións laborais.

Consonte con esta situación anómala, Mans Unidas defende os dereitos fundamentais das mulleres, tanto nos seus proxectos como nas actividades de educación para o desenvolvemento. E prioriza para este ano 2013 traballar polo terceiro dos Obxectivos do Milenio (ODM), o que busca acadar a igualdade potenciando o seu acceso equitativo a todos os niveis do ensino e ao traballo, favorecendo o papel das mulleres na representación comunitaria e política.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements