O ENTROIDO VILOUTEGO

 

FORMAS E CORES

FORMAS E CORES

Un ano, polo Entroido, viñeron buscar o papá para facer o baile de Vilouta co seu acordeón, pois tiña sona de bo músico. O papá, con dous oficios, deixou a xastrería, que no inverno había pouco que coser, e levou con el a nena, subida de a cabalo.

Estiveron en Vilouta desde o domingo á mañá ata o martes case de noite e alí tivo que durmir co papá. Gustoulle, porque o papá quentáballe os pés. As dúas noites quedaron na mesma casa, pero polo día ían comer invitados polas outras: a de Bernabé, a de Vila, a de Filibreiro, a de Caloto, a de Cabana, a do Avogado… En todas as cociñas había lacón e botelo con cimos mouriscos e patacas. De postre, filloas negras tan ricas como as que facía a mamá.

As nenas meirandiñas andaron coidándoa os tres días. E preparárona para que non se asustase coas máscaras. Dixéronlle que dentro das máscaras sempre ía xente e que non lles había que ter medo. Eran moi raras pero non lle facían mal a ninguén.

Cando apareceron e se puxeron en rolda, a nena non pasou o medo que pasaba cos cabezudos do San Xoán. Aquelas máscaras collíana pola man e xogaban con ela, todo en silencio, porque non poden falar. Despois, cando o papá tocaba e se poñían a bailar, quedaba coas nenas outra vez mirando que bonita era aquela festa á que subían de Eixibrón, de Tortes, de Armesto, de Sancido e de Guilfrei.

O martes, antes de volver para a casa, tamén ela foi máscara, porque a vestiron as outras nenas, todas con roupas vellas e caretas de cartón. Así vestidas e caladas, andaron con dous cestos polas casas a ver se lles daban ovos e chourizos. Despois, todos foron máscaras nunha eira. Só o papá era xente tocando para aquel baile rechamante de cores.

Ela tamén quería estar co papá e foi cabo del nun momentiño en que descansaba. Pensou que a coñecería, pero non. ¡Que risa! Preguntáballe sen parar “quen es?”, “quen es?”. Ela non contestaba porque non podía, que estaba moi avisada. ¿E se o papá pensaba que se perdera e paraba de tocar para buscala e despois lle reñía? Pero el só lle atendía ao acordeón e veña tocar e tocar para que os outros bailasen.

É o primeiro Entroido que recorda a nena. E o máis bonito e rico de todos os que ían vir despois, ano tras ano.

 

5 opinións sobre “O ENTROIDO VILOUTEGO

    • Non, amigo Xosé Lois. Vilouta -vila alta- é unha parroquia do Concello de Becerreá, evidentemente alta, que está na ruta Becerrea Sarria, composta por Vilouta de Arriba e Vilouta de Abaixo, aínda que só en termos administrativos.
      Valouta -val alto- está nos Ancares e é, tamén evidentemente, un val alto. Sabes que o nome val en galego foi feminino moito tempo.
      Unha aperta.

      Gústame

    • Estou recollendo estes relatos e atopo esta entrada túa, prezado Xosé Lois. Mira a que altura a vou responder. Vilouta -Vila alta- está entre Becerreá e Sarria. Valouta (Val alto) está nos Ancares. Aperta grande.

      Gústame

Os comentarios están pechados.