VOZ DE MULLERES

CAMELIA JAPÓNICA

CAMELIA JAPÓNICA

Entre a triste algarabía que destilan a rúa e os medios de comunicación debido á situación político-económica que vivimos sobresae estes días a voce esperanzadora de dúas mulleres novas, formadas e valentes que poden ser un antecedente para esa nesaria rexeneración democrática tan difícil de establecer se non parte da conciencia e participación da social: Ada Colau e Beatriz Talegón. Darán que falar no sucesivo porque se converteron en iconos da esperanza necesaria para seguir. Ambas tiveron a rede como plataforma de lanzamento e, tras da rede, viñeron os outros medios de comunicación poñelas en contacto con xente que as admira e lles dá creto.

Por cadanseu lado e en encadres distintos, ergueron a forza da súa voz en senllas intervencións ante responsables de alta política e, para ben da sociedade desorientada, causaron tanto escándalo entre o selecto público ao que se dirixían como contento na rúa. Porque esas voces, traspasadas as paredes, subiron ceo arriba como se protagonizasen lumieiras entre un pobo que desexa albiscar luces.

Ada Colau converteuse na cara visible da realidade máis incómoda e cruel: a angustia das familias que pasaron por unha das 300.000 execucións hipotecarias en España desde o comezo da crise. O seu verbo é duro, contundente e arriscado. E detrás do brillo deses ollos acesos de entusiasmo está o desexo de combater a inxusticia económica, evitar suicidios por desesperación e buscar saídas novas para problemas tamén novos e masivos. “As gangas inmobiliarias fruto de desafiuzamentos son pisos manchados de sangue”. Os milleiros de persoas que temen non poder pagar en breve as súas hipotecas depositaron moitas esperanzas na firmeza, teimosía e intelixencia desta portavoz da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) que non cansa de denunciar o duro trance de numerosísimas familias.

Beatriz Talegón, unha socialista nova, fixo un discurso duro de contido perante o Consello da Internacional Socialista en Cascais que correu como a pólvora pola rede. “Sórprendeme que pretendamos a revolución desde un hotel de cinco estrelas”. Pediulle á Internacional, encabezada por Papandreu, que teña sentido e non faga que os novos se avergoñen de verse utilizados só para aplaudir e encher os espazos de caras guapas. Benvidas sexan, señoras, desa voz tan forte e ética!

 

 

Advertisements