CHULAS DE LARANXA

CHULAS DE LARANXA

CHULAS DE LARANXA

Cos cítricos que pudren no chan das beiras da Arousa enchenríanse mercados, pero aquí non se lles dá o valor que teñen, aínda que non haxa casa, con algo de circundo, que non teña nel limoeiro e laranxeira.

O limoeiro foi traído a estas terras para conservar as sardiñas descamadas, despiñadas e abertas, como se fai cos bocareus en vinagre. Así, as xoubas mantíñanse bastantes días para un consumo diferido en cru. Hoxe practicamente non se fai ese uso do limón, pero, como saborizador de doces ou como menciña, ten maior consumo que as laranxas que, sendo de boca calidade, malpudren debaixo da árbore. Non esquezamos que os cítricos teñen conservantes de seu e non fan bo esterco.

Pero o consumo da laranxa como froita, en zume ou na cociña podería evitar este deitado de riqueza ecolóxica que perdemos todos os anos. Ao zume hai que afacerse, porque é un chisquiño ácido, pero, afeitos a el, acábase rexeitando o da laranxa de fóra por excesivamente edulcorado. Cortada en vivo está deliciosa cun lixeiro almíbar de viño tinto. As tonas confitadas ou en marmelada son moi ricas. E un flan con zume en lugar de leite é outra exquisitez. Pode ser levada fóra dos postres e apunto de pasada unha ensalada con bacallau, cebola e aceitunas negras ou un guiso de pescada no seu zume.

Mais xa que andamos no Domingo de Piñata, vouvos recomendar unha delicia de masa para as chulas. É doado. Á mesma receita das chulas cambiádelle o leite ou a auga por zume de laranxa e algo de reladura da súa tona. Terán unha textura especialmente suave, unha acidez excitante para o paladar e unha color que chama a lles meter o dente.

Dou fe, que veño, conxuntamente co Suso, de nos zampar esta fonte nun santiamén. Se as probades, que vos gusten.

Advertisements