OS NENOS

A CESTA DA MEMORIA

A CESTA DA MEMORIA

Sen eu ter lido unha palabra de Pedagoxía Diferencial, Psicoloxía Evolutiva ou Orientación Escolar, a parroquia de San Xusto de Vilaver poñía nas miñas mans unha aula cheíña de nenos, entendendo por nenos ambos xéneros, como se facía daquela.

É certo que era a cambio dunha soldada miserable, pero iso non afecta á altura da misión. Afortunadamente eu non tiña a conciencia das limitacións que vin despois de adquirir algo de capacitación nestas disciplinas, e outras afíns moi necesarias, grazas a unha licenciatura en Filosofía e Letras (Sección de Pedagoxía) pola Universidade Complutense nove anos máis tarde. Todo ao contrario. De ignorante, era máis afouta.

“Pedagoxía é a ciencia da arte de educar”, repetía ás veces co paladeo de quen estrea profesión. Sabía que formación científica non tiña, pero esa eiva obrigábame a compensar a acción da parte artística. Aquel traballo estaba sostido pola creatividade na reacción inmediata e libre ante as circunstancias e características que ía coñecendo en cada alumno. Cando un facía unha pequena traxugada que eu debía corrixir, saía a parte artística da interpretación, aínda que ás veces me gañase o alumno. Así foi cando intentei que Ovidio confesase que rompera as tapas do libro, que el chamaba xustamente capelizas. Eu tiña indicios suficientes e díxenlle que sabía que fora el, porque llo notaba nos ollos. Con corrección e humildade, sostívome a mirada ao contestar: “Iso dos ollos élle un conto”. Ou cando quería apurar a Darío dándolle ánimos en lugar de solucións ás súas dificultades de aprendizaxe e me respondía con naturalidade: “Non se me dá. Xa o saben na casa e non me reñen”. Ou as artimañas que buscaba para lle ensinar a Videlita a correcta pronunciación do x de extraordinario ou excelente e cada vez as pronunciaba peor: “Ecquestraordinario, ecquescelente”. Son algún dos exemplos daquela “arte  aplicada” á educación e ben veces fracasada.

Segundo os seus dotes, os seus ritmos e as súas habelencias, aqueles nenos ían aprendendo mellor ou peor o que eu trataba de ensinar. Acataban ben as normas e mostraban un respecto case excesivo ante a figura da mestra. Aquelas familias, nas que non había nin riqueza nin pobreza extremas, preparábanos para obeceder e ter un comportamento inchatable. Aínda estaba viva a divisa “pobres, pero honrados” que transmitían aos seus fillos como unha valiosa herdanza.

Só tiña dous irmáns díscolos. Xa fora advertida por seu pai, nunha feira en Becerreá, de que ían dar que facer: “Eu téñolle dous que son moi xudeus, moi xudeus”. E érano. Terían sobre oito e dez anos e bateran o récord das traxugadas coñecidas con algo que a pouca xente se lle ocorrería que puidese pasar, tanto pola paciencia que esixe dos actores como pola resistencia impensable do paciente, que debera resistir hipnotizado. Depilaran medio burro, seguindo o cerro do lombo escrupulosamente. Ninguén sabía como puideron conseguilo, pero os veciños así o testemuñaban. Sabiamos que oír ou non o transistor pola noite pasaba porque eles non tivesen a tentación de desenganchar a antena, que ía algo lonxe da casa. Pero nunca se atreveron porque a min tíñanme o respecto compartido pola colectividade.

Así e todo, e a pesar da autoridade coa que unha mestra por nova que fose estaba investida naquela aldea, tendo unha rolda de primeiros lectores arredor da mesa, o máis pequeno sacou de navalla e, con mestría desigual, empezou a desbastar no pupitre facendo oco para o seu corpo como se labrase un púlpito. Cando un compañeiro mo veu dicir disimuladamente, xa levaba excavados uns quince centímetros. Pero non houbo problema nin con el nin coa familia, que veu pedir desculpas e amañar o pupitre con rapidez. Daquela, as familias eran, en calquera caso, o apoio da autoridade docente.

Os nenos e as nenas estaban ben integrados entre si. Os maiores coidaban dos pequenos fose cal fose o seu xénero. A aula era un proxecto solidario onde os que sabían máis lles ensinaban aos que sabían menos, como se fosen monitores, e coidaban uns dos outros nos recreos que se facían no medio do camiño. Só con aquela engranaxe se pode entender que fosen capaces de traballar todos mentres eu ía dirixindo a miña atención grupiño a grupiño.

Os nenos eran, sen dúbida, o mellor daquela escola enclavada nunha paisaxe de soño, pero coa vida máis dura que se poida imaxinar, pola orografía, polo clima e polo aillamento das comunicacións. Tanto que a aldea está hoxe practicamente deshabitada. Son aquelas mulleres e aqueles homes que eu tiven na rolada escolar os que veñen darlle vida no verán desde os lugares a onde foron resolver a súa vida, maioritariamente nos arredores de Barcelona.

 

 

Advertisements