176 ANIVERSARIO DE ROSALÍA

BIOBIBLIOGRAFÍA PARA A INFANCIA

BIOBIBLIOGRAFÍA PARA A INFANCIA

Rosalía de Castro mostrou unha querencia especial polos seus poemarios en galego ao datalos nos días de nacemento de Murguía (Cantares gallegos, 17 de maio de 1863) e do seu propio (Follas novas, 23 de febreiro de 1880). En Follas novas hai un poema, “San Lourenzo”, datado posteriormente (marzo de 1880) o que indica que o 23 de febreiro non é data casual para a autora, cuxo nacemento estivo rodeado dun silencio que lle fixo errar nun día. O nacemento da nosa escritora fixarase, finalmente, na madrugada do 24 de febreiro, así que estamos nas vésperas do seu 176 aniversario.

Aínda que o realmente importante dunha persoa é o día que nace e non o que morre, non se viña celebrando a data como merece. Foi grazas a unha serie de sinerxias xurdidas neste século cando se converteu en festa de toda a nosa xeografía e aínda fóra. O primeiro paso deuno a Consellería de Cultura ao recollelo oficialmente como Día de Rosalía de Castro no seu Calendario do Libro e da Lectura. A segunda acción desenvolveuna a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promocionando a data cunha serie de actos reivindicativos para a lingua e lecturas rosalianas en numerosos escenarios. A terceira foi o empeño da Fundación Rosalía de Castro (2006-2012) en sobrancear o feito en contacto cos centros de ensino, seguindo as tendencia dos museos actuais de introducir no seu labor de achegamento á cidadanía a liña pedagóxica da escola. Ademais doutros actos, este día promocionábase a aprendizaxe emocional de Rosalía no máis destacado lugar de evocación cun festival infantil de aniversario no que se entregaba ao alumnado un libro da colección Tres pitas brancas pensada para poñer aos lectores máis noviños en contacto coa súa biografía, a obra ou a propia Casa.

Hogano, cando se cumpre o sesquicentenario de Cantares gallegos (1863-2013), o 24 de febreiro será un día moi celebrado, con anticipo xa o 22 e 23, por numerosos colectivos, concellos e asociacións. Cónstame o traballo promovido pola AELG e realizado por moitísimas mulleres de toda idade e condición para crear un vídeo que achegará a poesía de Rosalía ás escolas a ao público. Numerosos centros de ensino teñen programado actividades para hoxe utilizando este valioso material canda os libros de Rosalía. Porque a mellor homenaxe á escritora será sempre a súa lectura.

Advertisements

2 opinións sobre “176 ANIVERSARIO DE ROSALÍA

  1. Obrigada a Rosalía de Castro e muito obrigada à senhora, Profa. Helena Villar Janeiro, por manter tão viva a herança intelectual dessa renomada poetisa. Parabéns pelo seu dia.

    Gústame

    • Resultou unha celebración Marabillosa, cunha implicación enorme da sociedade en xeral e moi particularmente das mulleres. Unha aperta grande.

      Gústame

Os comentarios están pechados.