FEIRAS, FESTAS E MERCADOS

RURAL ANCARÉS

RURAL ANCARÉS

Os autobuses que trasladaban os feirantes levaban este letreiro na fronte. Cargaban tamén na baca e eran bastantes os que cirulaban pola estrada xeral A Coruña-Madrid, apartándose cara o destino, porque as feiras tiñan para a xente do rural importancia económica e eran o mellor recurso de socialización.

Nas feiras facíanse tratos de compra venda, pero tamén se vía a parentela, se saudaban os amigos e se aumentaban con outros novos. Nas feiras, os vellos evocaban e compartían recordos, os novos moceaban e os máis pequenos divertíanse e saían “ver mundo”. Eu tíñalles moito apego aos feirantes porque o foran meu avó e meu pai neno, que ían a Navia desde Becerreá a pé con burro alugado para a mercadoría, trinta quilómetros de ida e trinta de volta. E tamén dúas tías –unha a miña madriña- venderan nas feiras.

Desde nena sabía o calendario das feiras da rodeada, que daquela duraban desde a mañá á noite. Becerreá tivera unha moi importante os días 12, feira do ano en setembro, pero perdérase e non a puido soerguer un intento do alcalde Loxo Rosón. Seguían as do 3 e 19, esta tamén moi grande por San Xosé. En Navia eran feira o segundo domingo e o 29. En Pedrafita, o 5 e o 21. Estas eran de relevancia nunha grande contorna transfronteiriza con León e Asturias. Como feiras menores, o 15 en As Nogais, o 17 en San Martín da Ribeira, o 18, en Baralla e o 28 en Quindous.

Os de Vilaver ían resolver as cousas de certa importancia a Becerreá e a Navia. Pero a súa feira natural estaba en Quindous, a un paso. Subían a ela grandes e pequenos, con tal de deixaren cubertas as necesidades asistenciais da casa. E eu tamén, que era unha veciña máis. Alí xuntábame coa mestra de máis cerca, a de Santalla, de familia represaliada coñecida dos meus, cousa que nos unía moito. Vivía en Lugo, estaba casada e tiña dúas nenas pequechas coas que soñaba toda a semana.

En Quindous atopaba tamén as amizades becerrenses da familia do Zoilo, que levaban un camión con mercancía variada. Un estudara comigo e, cando non tiña moito que facer, dabamos polo campo unha voltiña. Algún día baixei a Becerreá, ao recolleren, na cabina daquel camión. Vin nas  últimas curvas costaneiras e moi pechadas por riba de San Martín como xogaban os feirantes coa vida para gañala, aínda que xa sabía que a xente daquela familia era moi traballadora e moi sufrida.

En Quindous comprábase material escolar, polo que tras das feiras aparecía a rapazada coas súas cousiñas novas. En Quindous tamén se comía na taberna, que era como ir xantar hoxe a un tres forcados. En Quindous dábanse voltas de paseo con máis ilusión que pola Rúa da Raíña de Lugo. Aquela feira rompía a monotonía das nosas vidas e amañaba a economía de moitas casas vendendo gando menor ou excedentes que se comerían ben na casa se non houbese necesidade de cartos para completar o autoconsumo.

Pensando naquela feira e naqueles nenos que, por exotismo para eles, preferían comer sardiñas “de bombo” a galo asado, saíu esta canción para O libro de María, publicado en 1983, que naceu como un manual de urxencia para arrolar e darlle cultura galega o máis normalizada posible á nosa meniña.

 

O GALO DE VILAVER

 Era un ovo

que nunca viu tixela,

que nunca foi á feira,

que nunca se estrelou.

 

Era un ovo

que estivo vinte días

debaixo da galiña

que máis cedo chocou.

 

Era un ovo

que quixo erguerse pito,

que fuxiu da empanada

e mais do San Ramón.

 

Era un pito

que foi chegando a galo,

erguéndose á mencida,

deitándose ao solpor.

 

E a carteira

da ama está baleira

e o galo vai na feira

co queixo e co xamón.

 

A feira á que fora parar aquel galo ben coñecido meu era a de Quindous.

Advertisements