ROSALÍA, MULLER TRABALLADORA

 

FOTOGRAFÍA DO BUSTO DE ROSALÍA POR JOSÉ Mª FENOLLERA

Con motivo da celebración do sesquicentenario de Cantares gallegos, Rosalía estará moi presente na vida cultural e nos medios da Galicia que ten a literatura  contemporánea instituída por unha dona. Polo tanto, hemos considerar a súa figura no “Día Internacional da Muller”, que conmemora a loita feminina pola participación en igualdade co home no seu desenvolvemento como persoa.

Rosalía, que tiña tan poucos recursos económicos como grandes dotes de cultivadora da palabra, foi escritora profesional. Escribía para publicar e para vivir do que publicaba. En compañía do seu home, Manuel Murguía, axudados ambos pola filla máis vella, Alejandra, como correctora de textos e ilustradora, constituían unha factoría literaria. A reconstrucción da última das súas moradas, co seu escritorio aos pés da cama dunha pequena habitación mentres ten habilitado un espazo propio para o intelectual Murguía, non é máis que unha pobre interpretación patriarcal da época, que se consolidou como verdade. Rosalía, nas súas propias palabras, “non cantaba as pombas e as flores”, e traballaba en pé de igualdade co seu home.

Nos seus escritos de loitadora pola propia dignidade foi moi solidaria coas mulleres. Botando man da ironía, puido escribir que o pensamento feminino é limitado. “¿Mais dirase por eso que me teño por unha inspirada, nin que penso haber feito, o que se di, un libro trascendental? Non, nin eu o quixen, nin me creo con forzas pra tanto. No aire andan dabondo as cousas graves, é certo; fácil é conocelas, e hastra falar delas; mais son muller, e ás mulleres, a penas se á propia feminina fraqueza lle é permitido adiviñalas, sentilas pasar”. (Prólogo de Follas novas). Pero hai que contrastar este “divertimento” coa calidade desa gran obra e cos seus textos sobre xénero, como Las literatas ou o primeiro poema de Follas novas, que tratan sobre a consideración que a sociedade da época ten das mulleres que fan incursión na vida pública.

Rosalía ocúpase sobre todo da muller que sofre penurias económicas, gravísimas inxustizas humanas e fortes coiteladas sentimentais, sempre en maior medida que os homes, a muller do común habitualmente soa e ensumida na pobreza, a que ten como prioritaria a tarefa de sobrevivir. Rosalía dá fe de que o ser humano pobre por antonomasia é muller en todas as idades.

 

Advertisements