MULLER DESCOÑECIDA CON TONS SEPIA

 

VISILLOS

 

Chegaches ata aquí tan enigmática

como esa caracola

que atopamos un día, intemporal

nas luídas areas,

e subimos ó oído

a ver se sabe arcanos do impenetrable

e nolos participa.

 

¿Preparabas acaso nos teus días

un cuarto engalanado suave como as camelias

con velas encendidas

e perfume de incenso?

 

¿Amamantabas rosas,

ou rompías clepsidras

agardando na porta da morada convexa

polo retorno?

 

¿Bordaches amorosa e sostida na brisa

sobre os tules da tarde

flores de crisantemo

para o enxoval?

 

¿Colleitabas os nardos como palabras

e enchías canda os búcaros

todos os teus silencios

co seu perfume branco?

 

¿Desvestíate a luz

entre o zoar das pombas

mentres libabas copas de ambrosía

abaixo no xardín,

ou tecías visillos escondida

porque a espera era lenta

e chegaban os días viaxeiros

colgándose na fiestra

para encherche os cabelos de prata triste?

 

De “Álbum de fotos” (1999)

Advertisements