HOMENAXE A CARLOS CASARES[1]

MERLO CANTOR DA MAÑÁ

MÚSICAS  E PALABRAS

… e de ti namoráronse as palabras

e ti correspondiches como amante.

 

Buscábante

e buscábalas,

espíanse

e espíalas

para recoñecelas plenamente no seu canto de prata.

 

…e despois nomeáronte arquitecto e ourive

e fúchesnos colgando pérolas de palabras

como se fosen copas con alma de auga,

viño con melodía.

 

… e despois xa soubemos do teu amor á música

espida de palabras

na dor pola trompeta de Dizzy Gillespie,

nas escaladas brancas do violino

abrindo á luz historias transparentes,

na tráxica obsesión do contrabaixo

herdada das traxedias desde a Hélade.

 

… e despois camiñamos nas historias que nacían de música e palabra

ata seren silencio

e o silencio cantounos nos ouvidos

coa voz en caldeirón,

e sentimos contigo e coas palabras cóxegas na caluga

e choros no silencio.

 

… e despois veu o merlo intemporal,

o merlo de San Ero e do Rei Sabio,

traer música lene ó punto cero

da túa eternidade.

Marzo de 2002

 


[1] En Carlos Casares. A semente aquecida da palabra, Consello da Cultura Galega, 2003

Advertisements