EU TAMÉN VIN O MOUCHO, LEDAÍÑA

 

 

MEDOS do álbum RAÍCES

MEDOS do álbum RAÍCES

Eu ben vin estar o moucho

enriba daquel penedo

                                     Rosalía de Castro

 

Eu tamén vin o moucho, ledaíña

que convertía a noite en farangullas,

farangullas de ti…

Pola miña xanela,

veu o moucho a voar con ás de nacre,

e a semente das dores metafísicas

na ringuileira das caladas sombras.

Porque a sombra eras ti.

 

Dixéronmo os silencios.

Díxomo a néboa.

Dixéronmo os invernos.

Díxomo a pedra.

 

Todo era dor existencial.

Todo era música profética.

Vivace, o frío.

Adagio, a neve.

Scherzos líricos,

a xente.

Era un fío poético

a palabra do vento.

Era o moucho, obsesivo,

o teu presentimento.

 

A túa voz durmida

tamén viña na lúa

e entraba no meu cuarto

coa coruxa.

Foi transcendente a voz do frío

e a túa voz fíxose inmensa.

De silencios semánticos

sementábasme, nena,

e despois viña o moucho

recadar a colleita.

 

Eu polo nó retorto

da corda da palabra

baixei ata o meu pozo:

o meu pozo esistencial de augas escuras,

cheo de ti, de mouchos,

de coruxas,

de medo.

 

De Rosalía no espello (1884)

Advertisements