CANTO ME FOLGO DE VER…

MANUSCRITO

MANUSCRITO

A distancia razoable, aínda que tiña diante da fiestra do meu cuarto o pico que marcaba  a Vilaver na orografía ancaresa, impúxose a vida familiar e o principio de realidade. A vida familiar consistía na convivencia medio festiva dunhas vacacións traballando unhas horas na xastrería. Meu pai estaba orgulloso de ter unha operaria –era como me chamaba- mestra e así llelo facía saber aos clientes que me collían cabo del picando lapelas, facendo ollais con seda e agromán ou dando punto a man á chaqueta dun traxe de luxo. O meu traballo era moi cualificado. Salvo cortar e colocar mangas, facíao  todo e non deixei de axudarlle ata a súa xubilación, tendo eu xa unha licenciatura, do que aínda presumía máis. Xastra, ou xastresa, será sempre o meu oficio e estou orgullosa del.

Non tiña horas de traballo, senón tarefas acumuladas. Facíaas e xa podía marchar ler ou facer tarxetas de felicitación para enviar ás amizades que tiña fóra. E ao caer da tarde, cando soaban as campás melancólicas da igrexa, ía ao rosario. A igrexa era un lugar onde me sentía a gusto desde nena. Filla de pais non practicantes, eu era moi relixiosa e dábanme liberdade para selo.

O rosario –xa non digo a misa dominical das 12- era tamén unha disculpa para saír da casa, pero nesa saída vespertina eu tiña interese relixioso. E na época de Nadal había aínda outro atractivo no templo: ensaio e canto de panxoliñas. Gustábame cantar e formaba parte desde sempre dun coro que ensaiaban as solteiras denominadas “beatas”, apaxoadoras en recadar voces para o culto e tamén boas mulleres. Entre aquelas panxoliñas habíaas galegas, que para ese uso a lingua non estaba mal vista. Todo ao contrario. Nunca tanta panxoliña en galego se cantou nin se cantará como daquela.

“Canto me folgo de ver

o que niste albergue pasa:

un Meniño, pequeniño

e un pastor tocando a gaita…”

O principio de realidade era ver que a escola momentaneamente abandonada non era miña, por moito que lle estivese collendo cariño á xente e ao lugar. Seríao ata o 31 de agosto, data na que asinaría o cese administrativo. Para ter escola en propiedade había que sacar unha praza mediante oposición. E durante eses quince días fun pensando como abordar a nova tarefa de estudo. Non puidera presentarme na anterior convocatoria por non ter feito o Servizo Social de la Mujer (esixencia f) nos requisitos da convocatoria) e era moi probable que as próximas se convocasen no ano entrante, como así foi (Orde de 14 de novembro de 1961, B.O.del E., 30 de novembro de 1961, nº 286). Os requisitos xa os cumpría todos porque non cría que tivese ningún problema para a esexencia i) “Acreditar conducta intachable en todos los aspectos mediante certificación expedida por el Párroco y el Comandante del puesto de la Guardia Civil de la localidad…”. O cura, mesmo excedéndose do que se lle pedía –moral e bos costumes- púxome en letra ben clara “ y es adepta al Movimiento Nacional”. Creo que era un bo home e quizabes quixo facerme un favor, porque eu era de familia represaliada.

O precio resultaba abordable: 60 pesetas por dereito de exame e 40 pesetas por formación de expediente. Eu gañaba algo menos de 1000 ptas. ao mes.

O primeiro paso era conseguir a convocatoria anterior e ver os contidos dos exames e os temarios. E a iso dediquei parte das vacacións. O primeiro exercicio –escrito- tiña tres partes. A) Desenvolver un tema de Relixión e outro de Formación do Espírito Nacional, e analizar por morfoloxía e sintaxe un parágrafo (máximo, 4 horas). B) Expoñer un tema de Ciencias ou Letras, a sortes, do cuestionario (máximo, 2h). C) Resolver un problema de Matemáticas e outro de Ciencias Físicas (máximo, 4h.). O segundo –oral- consistía en desenvolver un tema de Xeografía e Historia, outro de Lingua e Literatura Española e outro de Pedagoxía (mínimo, 1h.). E finalmente, o práctico: explicar nunha escola unha lección (20m.) e unha táboa de ximnasia (10m.)

O segundo paso era ver que podía ir preparando eu soa. Como os exames –se non eras filla do corpo- eliminaban, había que preparar ben o primeiro. Non se me daba mal ningunha das catro cousas. Relixión, sabía. O libro verde, sabíao de memoria, pois meu pai animárame a aprendelo sen crer nada del, e os 26 puntos da Falanxe, un por un –o 27 suprimírao Franco-.

En canto a análise morfosintáctica sempre fora o meu forte. Non sei por que tiña unha visión moi certeira do papel que facían as palabras e era capaz de, seguindo o paradigma dunha oración simple, descomponer un parágrafo case coa precisión coa que se leva a cabo unha disección anatómica nun laboratorio. Non o sabía expresar así daquela, pero non fallaba unha. Os problemas tampouco se me daban mal, tanto se tratasen de Matemáticas como de Física. Recordaba moi ben as fórmulas e sabía aplicalas con moitísimo sentido común.

Xa que logo, ía empezar a resolver problemas de todo tipo o que quedaba de curso, segundo fosen medrando os días. A maquinaria para intentar ter escola propia púxose en marcha naquelas vacacións. O día que ía empezar a aventura de pasar unha oposición foi o 2 de abril de 1962 na Escola Normal de Maxisterio de Lugo ás 10h. en punto da mañá.

Advertisements