DÍAS MUNDIAIS DA ÁRBORE E DA AUGA

LIBRIÑO SOBRE OS ANCARES

LIBRIÑO SOBRE OS ANCARES

A estas alturas do mes de marzo, tocando o equinocio de primavera, prepáranse as celebracións do renacer da vida no noso ámbito xeográfico. A Terra, maltratada polos humanos, está sometida a unha degración que se inicia na parte habitada e acaba nos océanos a través das primeiras canles de comunición e propiciadoras de recursos vitais: os ríos. Ademais dos residuos nocivos que eles arrastran, está o problema da deforestación que acarrea a sobreexplotación do planeta. A merma arbórea fai recuar os espazos necesarios para o almacenamento da auga e a produción do osíxerno imprescindible para a vida.

Tomar conciencia dos problemas medioambientais leva a acotar zonas privilexiadas dotándoas de protección que preserve parte da biosfera e compense dos abusos dun desenvolvemento desaprensivo que só busca beneficios económicos, e cada vez fai máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres.

Ante uns feitos tan ameazadores para a vida do planeta, as accións compensatorias teñen que ir dirixidas á prevención, concienciando á sociedade e servíndose da educación institucional. A defensa do medioambiente é un contido compartido por todas as áreas do curriculum, pero precisa tamén tratamento puntual. Nesta dirección vai o libro que ven de editar a Deputación de Lugo sobre un dos espazos de máis forza telúrica da provincia, Os Ancares, celebrando alí os “Días Mundias da Árbore e da Auga” (21 e 22 de marzo).

Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares. Reserva da Biosfera, é un pequeno manual que motiva o coñecemento dos montes ancareses de Navia, Cervantes e Becerreá mediante un percorrido no que se enlazan relatos literarios de nove escritores e escritoras vinculados a Lugo con cadansúa fotografía ilustrativa das diferentes paraxes desas montañas, desde a morea glaciar de Piornedo ata o Navia. Os microrrelatos van enchendo de maxia literaria a vida daquelas terras unidos polo fío condutor dunha pita do monte, ave protexida que adorna coas súa presenza as paisaxes que vai mostrando á infancia lectora.

Dirixido aos centros de ensino primario, incorpora ao principio un pequeno esquema como suxerencia das actividade de cada un dos días e remata con tres páxinas de información complementaria e debidamente fragmentada para aprofundar no coñecemento do bosque, das árbores e da auga.

Advertisements