UN CHAQUETÓN COR FRAMBUESA

CO CHAQUETÓN COR FRAMBUESA PASEANDO POLA PRAZA DE ESPAÑA DE LUGO

CHAQUETÓN COR FRAMBUESA PASEANDO POLA PRAZA DE ESPAÑA DE LUGO

Á volta das vacións, medrando xa algo os días ao seu ritmo, tal como facía o alumnado nos seus progresos, a relación coas familias fíxose aínda máis fluída e empezaron a aflorar prexuízos pedagóxicos e problemas ocasionados polo contraste dos cambios culturais. Un día díxome o pai de I. e. A., dúas nenas, unha xa no límite da escolaridade, que mandar as fillas á escola era un atraso: ler e escribir non as conducía máis que a escribirse cos mozos. Non me parecía posible que o pensase, pero o peor foi que non logrei convencelo do erradísimo que andaba. Ou sexa que aquelas irmás ían á escola porque o facían os outros e porque que no inverno non había nada mellor no que as ocupar. Iso comprobeino máis tarde, non só con elas, pero non quero adiantarme, que pretendo ir narrando con algún creiterio cronolóxico

Outro día un pai veume contar moi contrariado que A., o seu neno de oito anos, fora pasar as vacacións a Madrid e que se lles volvera un señorito. Polo visto, chegou esixindo prato para comer a diario –nas casas facíano maioritariamente en cunca- e calzar zapatos, cando eran zocos ou zocas o que se levaba a diario. Eu mesma, por erguer os pés da lama e telos quentiños, alí calzaba zocas de zapatilla. O certo é que o rapaz era fino de seu, tanto polo físico como polas formas. Imaxino o que a chegada a Madrid supoxo para aquel neno cando eu, sete anos máis tarde, quedei fascinada pola gran cidade.

Ata daquela, os libros non abrían brechas entre eles e as experiencias do medio ambiental e sociocultural en que se desenvolvían os escolares. Calquera daquelas enciclopedias valía igual para alfabetizar en Vilaver que na Coruña ou Soria, se temos en conta que a lingua propia non contaba para nada. Outra cousa sucedería algo máis tarde cando, sen aconteceren outros cambios na súa vida, lles chegaría unha ficha solicitando enumerar as partes do seu cuarto de baño cando nas casas só tiñan un banqueto no que colocar a palangana para se lavaren. A pór de estar absolutamente descontextualizados, aqueles libros tiñan auténtico valor universal para un territorio en ditadura que non contemplaba as diversidades.

A sección oficial da escola acababa ás cinco e acortara o tempo de descanso media hora para a mocidade que, xa en marzo, ás seis e media quería estar fóra para facer algún traballo. Levaban máis tarefa para a casa para a faceren de noite, que tamén era cando eu estudaba co meu carburo no cuarto, xa metida na cama que tiña un cómodo colchón de lá.

Recordo ben aquel cuarto que daba á aula da escola. Tiña unha fiestra á fronte da porta e a cama quedaba á esquerda. Cando cavilo nel, véxome cruzando a porta cunhas carpetiñas de cartolina azul cheas de folios. Matriculárame nun centro a distancia para os problemas e análise lingüística do primeiro exercicio da oposición, que quería ver corrixido o meu traballo. O proceso de me facer propietaria dunha escola xa estaba comenzado.

Na aldea había algún neno pequecho e á volta das vacacións naceu o máis noviño. Foi unha marabilla ilos visitar a el e a súa nai, como adoitaba facerse naquel tempo porteando libra de chocolate e botella de viño Sanson. Era o terceiro recén nacido que vía. O primeiro é un lóstrego de recordo perdido na infancia e o segundo é de cando fun facer as fotos da primeira comunión, recén parida a fotógrafa. A aquel neno collinlle moito cariño, tamén porque pertencía á parentela da casa onde vivía.

As fins de semana aproveitaba para facer visitas máis demoradas e incluso ía ata Santalla ver a compañeira. A diario, e mentres permanecía na cociña onda o tiro, lugar de honra porque alí ía máis calor, poñíame a tecer coas espetas. Cando a cociña non tiraba ben e saía fume, a señora Xulia íame dando ordes educadísimas para que colaborase:

-Señorita, cerre o tiro se non aborrece.

Ou ao contrario. Esta fórmula de pedir utilízoa moito no seu recordo, pois foi unha auténtica avoa para min.

Primeiro fixen medias de lá verde escuro e medios de varias cores. Despois púxenme ao chaquetón de cor frambuesa. Mercara o estambre en Lugo, cos primeiros cartos, canda unha bufanda que me acompañou moitos anos e  unha saia plisada de tergal de cadros cun conxunto –chaquetiña e xersei- todo en varios tons de azul. A saia plisada e o conxunto a xogo facían furor na moda. Ata a mercara nunha tenda de luxo da rúa do Progreso, chamada Filigrana. Para o chaquetón fixen os meus patróns en papel de xornal, elixín un punto bonito e foi unha prenda moi útil unha gran tempada.

A primeiros de marzo baixei para ir cobrar a Lugo ao Banco Hispano Americano, que estaba na praza de Santo Domingo, onde tiñamos as nóminas. Desde Becerreá levei uns zapatos de tacón, dos que nunca fun avogosa, pero algo había que cambiar para ir a Lugo. Volvín cos pés desfeitos e en bixocas. O sentido do deber, que eu compartía coa familia, non permitía aprazar a incorporación ao traballo e a viaxe en taxi tantos quilómetros era impensable. Así que cheguei a San Martín sen saber como ía poder andar trece quilómetros.

Ao baixar do coche batín con D. Jacinto Legaspi, o cobrador da contribución que me coñecía de nena cando sacaba os recibos dos clientes do papá. Viume a traza e preguntou que me pasaba. Díxenllo e mandoume esperar. Abriu o seu garigolo e púxose unha rea longa de homes á espera. Preguntou se alguén subía cara Quindous a cabalo. Ergueron a man os dous que estaban de últimos. Volveu preguntar se a algún non lle importaba dar un rodeo de tres quilómetros e só ergueu a man o derradeiro. Daquela mandouno pasar diante, despachouno e pediulle que me levara ata Vilaver.

Aquel día a viaxe foi doada. Subín no cabalo ata a casa, mentres o home fixo o camiño a pé. Quixen convídalo a tomar algo en Quindous pero non aceptou e seguimos. Ao chegarmos, démonos a man e separámonos sen escatimar eu en darlle as grazas de canta forma souben facelo. El, con suma cabaleirosidade, quitoulle toda a importancia.

E si sei que a tiña. Que Deus llo presente no ceo, como dicían por aquelas terras da xenerosidade, hoxe case privadas de habitantes.

 

Advertisements

2 opinións sobre “UN CHAQUETÓN COR FRAMBUESA

    • Graciñas. Xosé Lois. Son aínda apuntes, pero serán un bo material de traballo para continualos. Non sabedes canto me axudades lendo e comentando. Aperta.

      Gústame

Os comentarios están pechados.