O POEMA QUE ESPERAS

VELLA CARBALLEIRA DE SANTA SUSANA EN COMPOSTELA

VELLA CARBALLEIRA DE SANTA SUSANA EN COMPOSTELA

A BERNARDO GARCÍA CENDÁN, O AMIGO

 

Nesta finca parceira na que inza a amizade,

dos sus fértiles sucos agroman  as palabras

que un día pronunciaron os que xa están ausentes.

Hainas que están latentes vencelladas á terra

en espera dun día no que invisos busquemos

a semente vizosa que sabemos oculta.

Hainas que abrollan lúcidas, tréfegas, fulgurantes

como recén manadas aínda dos seus beizos

en conversas que quedan sen seren pronunciadas.

E hainas que no cadullo, á sombra do carballo

simbólico que temos para o encontro fraterno,

se pronuncian distantes do poder da clepsidra.

Porque foi a clepsidra quen decidiu a elipse

denantes de que as aves marcasen voos errantes

co ritmo do poema que debín ter escrito.

Petitio en Pontevedra e memento en Santiago

atravesando entrambos a praza do Toural.

¡Canto doe a promesa cando non é cumprida!

Por iso ando tecendo agora nestes versos

en tear modulado pola vella xenea

deste sufrido pobo que xuntos compartimos.

É tarde, mais non tanto.

Porque, aínda que escalaches

esa montaña máxica onde a luz brilla eterna,

segues aquí plantado na leira da amizade.

E eu veño ata o carballo pasar esta conversa

para falar contigo sen facer elexía

xa na calma do outono que nos amosa os frutos

cargados de semente e de arrecendo a terra.

 

En “Unha alborada nova. Bernardo García Cendán”, 2013

 

Advertisements