MÚSICA NO SESQUICENTENARIO DE CANTARES

ROSA DE ABRIL

Ao Congreso Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, do que é anfitrión e principal promotor o Consello da Cultura e que se desenvolve en cinco xornadas de febreiro a xuño, engádese unha nova actividade rosaliana relacionada coa música promovida pola mesma institución coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Abofé que é oportuna tratándose de conmemorar o sesquicentario de Cantares gallegos (1863-2013). Eu, que me teño preocupado polo tema cando tiña a responsabilidade de facelo desde a Fundación da autora, conversei co coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura, Maximino Zumalave, sobre que a chamada “gran música” non debía quedar á marxe da conmemoración con oriñe nos cantos.

A Maximino Zumalave –un dos moitos rosaliófilos que ten o país- e a min únenos a amizade, o amor á música e a orde alfabética dos apelidos, e temos conversado sobre Rosalía e a música agardando a que comezasen os Plenarios nos que ambos participamos. Fóra xa da encomenda, chégame a boa nova de que se organiza unha actividade músico-pedagóxica que, co título de  No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía terá a súa presentación ao público o día 7 de xullo cun concerto homenaxe no que unha masa coral de 400 escolares de oito a doce anos entonarán versos de Rosalía na praza da Quintana de Santiago.

Rosalía, figura fundacional da nosa literatura e un dos grandes referentes de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras, é unha das poetas máis cantadas. A música, que ela executaba valéndose de varios instrumentos e que está tan patante na forma da súa versificación, devolveulle a súa querencia a través dos moitos compositores que, ao longo dos tempos, traballaron con algún dos seus poemas ás veces de forma tan compenetrada como a da canción coñecida por Negra sombra. Nas interpretacións que a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, fai da composición de Xoán Montes cóase por entre as notas o contido metafísico do poema como se houbese un solista de canto.

Esta actividade conxuntará o traballo de moitos docentes e escolares que farán soar na praza da Quintana, cos versos de Rosalía, as creacións de  José Baldomir (Maio longo), Andrés Gaos (Rosa de abril), Octavio Vázquez (En Cornes) e Xoán Montes (Negra sombra).

Advertisements