ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS[1]

CORMORÁNS EN SARTAXES

CORMORÁNS EN SARTAXES

NOVAS DESDE ABUÍN SOBRE A CATÁSTROFE DO PRESTIGE

O poeta é un cazador alucinado:

atrapa a verba, atrapa a bolboreta

que se queima en faíscas decontado;

atrapa mesmo o soño de poeta.

Antón Avilés de Taramancos                                                                  

 

Na estrema deste océano que habito,

orfo de ti e de Manuel Antonio

e das flores e os barcos briosos de Chariño,

recordarás que as naves

erguían os arreos como Crucificados

e redaban estrelas canda os peixes polo revés do mar;

e tamén que os poetas

levaban os arados de papel polo lombo das noites

rastrexando palabras nos sucos do silencio.

 

            Pero veu unha pouta de Neptuno,

lustrosa e pegañenta, chantarse nas areas

e as dornas esqueceron o perfume dos vellos limoeiros

e perderon a escuma do ronsel

por entre a señardade dos paxaros

e dos soños fuxidos.

 

            E aquel silencio propio de poetas

foise adonando agora

das ribeiras inhóspitas, lunares, pestilentes,

prostituíndo a escuma,

ferindo as ás do vento…

 

            Son agora poetas 

quen anda a rastrexar palabras salitradas

para compoñer mares nun confín de augas limpas

con canto de sereas que chamen outravolta por Simbad

e por Ulises,

un mar cheo de pan

e rulas que preoguen nos peiraos

cántigas de esperanza.

Abuín, xaneiro de 2003

 


[1] En Avilés de Taramancos. Homenaxe. Día das Letras Galegas 2003, La Voz de Galicia, 2003

Advertisements