DE BEATA SENECTUTE

ILLA DE AROUSA CON CORTEGADA AO FONDO

ILLA DE AROUSA CON CORTEGADA AO FONDO

 

A abeirarse na ría

veñen as naves de Simbad e Ulises

tal como antes polos días claros

chegaban noutras tardes

a outros mares.

 

Arriban sen anuncio e en silencio, con paso velaíño,

poñen o mascarón

cara este corredor

que se desangra pola buganvilia

e viran no horizonte o mesmo que os paxaros

que escriben caligramas vespertirnos,

poetas como a tarde.

 

Despois pasan razón por calquera razada de aire fresco

de que xa están pairados

e eu saio debruzarme nos brazos da baranda

a oír a intemporal

cantata das sereas que os perseguen

e a ver no aire rosas de mil veos

que espertan os devezos por debaixo da pel.

 

¡Marabillosos días de leste rosazul,

de amañecidas lenes e porosas,

de solpores callados en lumes vagacentos,

de noites de veludo musical

emborrachadas

no perfume oleoso das laranxeiras!

 

Porque nestes solpores xa non cavilo mentres os gozo

en que han marchar as naves igual que as andoriñas

verquendo a señardade pola efémera

escuma do ronsel.

 

 

Advertisements

6 opinións sobre “DE BEATA SENECTUTE

  1. Os piratas das “europas” arrasan a feito cos tesouros do povo e non deixan nin as anduriñas, as que estan morrendo a cotio pola incompetencia de pandas de cobizosos sen xeito, permitidas polas leis sen xustiza feitas a tal propósito.
    Parabéns

    Gústame

  2. Os poetas podemos obviar momentaneamente iso, aínda que nos afecte moito tamén como humanos. Graciñas e unha aperta.

    Gústame

  3. Os piratas de hoxe, tornarán mañán a ser señores se alguén non o remedia. En tanto gozamos dos soños dos poetas, para que non doan as feridas, por eles causadas.

    Gústame

  4. Somente uma poetisa e fotógrafa da sua genialidade para fazer versos e imagem se casarem tão bem. Parabéns, Profa. Helena! Deslumbrante.

    Gústame

    • Querida Profa., é Vde. que sobrevalora o meu traballo. Ás veces coinciden as cousas. Unha aperta moito cariñosa.

      Gústame

Os comentarios están pechados.