SEMANA SANTA

IRIS PASCUAL

IRIS PASCUAL

A Semana Santa ten as súas orixes nun xuízo contra Xesús de Nazareth que acabou en crucifixión, unha maneira cruel de executar usada por Roma e outros pobos mediterráneos. Para os crentes, a Semana Santa culmina en celebrar a Resurrección de Xesús, como Deus, cumpríndose así as profecías do Antigo Testamento e mesmo algunha das súa frases pronunciadas en vida. Xesús era considerado perigoso polos propios xudeos e o Sanedrín reuniuse a ver que facían con el. Dos Sumos Sacerdotes Caifás e Anás, ao gobernante do imperio romano Poncio Pilatos e á multitude consultada, foron pasando as responsabilidades de decidir ata que conseguiron acabar co Galileo, preferido a un malfeitor para ser executado entre dous ladróns, segundo os Evanxeos.

A Semana Santa creou arte escultórica e unha gastronomía especial fundamentada nos productos estacionais –a abundancia de ovos principalmente- e as regras da Igrexa na abstinencia da carne. É, pois, un tempo ben marcado no calendario ibérico con diferente incidencia na demostración pública da devoción popular. Porque este tempo litúrxico adquiríu diferencias das que derivan formas tan exuberantes, e ata sensuais, como as que se dan en Andalucía ou actos de verdadeira ascese e mortificación como ocorre nalgúns lugares de Castela. Do disfrute dos olores a azahar e a incenso á dor dos vergallazos con brotes de sangue máis ao norte, vai unha gama de xeitos de conmemorar unha Semana que veu atravesada pola chuvia para desesperación dos que pasaron o ano traballando nos “pasos”, para aquelas persoas, cada vez máis, para quen os sete días –ou os seus festivos cando menos- significan vacacións e desfrute mundanos sobre todo nos areais de mellor clima e para a hostelería que ten nela unha boa fonte de ingresos. No medio quedan os que fan turismo a lugares onde son notorios os ritos, que é unha fórmula mixta cun difícil deslinde entre onde acaba a relixión e onde empeza o turismo, dous termos non moi doados de casar.

Hogano a Semana Santa veu tamén trufada de movementos de protesta de indignados polos problemas que orixinou a descabelada economía e polo escándalo da corrupción extendido aos estamentos sociais da política e do poder. E outra vez xuíces para notorios acusados. E novos gobernadores supervisando e, agora si, dando ordes desde o imperio económico alemán.

Advertisements

4 opinións sobre “SEMANA SANTA

  1. Esqueceches as bulas para difuntos , que se ven dicindo na miña parroquia dende hai ben anos. E non sei porque me dá que os xuices, estes van ser menos severos que aqueles cos corruptos, prevaricadores, celestin@s reparadores de entuertos…. E cando falo de severidade, falo dunha xustiza ao servizo corruptos igual que daquela; só que daquela foi condeado un home pensando que mataban unha idea. Desta xa espabilaron moito condean a todo un pobo, para matar directamente a xustiza dos probes, aos dereitos , a supervivencia, a educación, sanidade, cultura, etcétera etcétera.

    Gústame

    • A “buldra” da Santa Cruzada… E dos xuíces, ti xa ves e eu que queres que che diga. Cando sae un que pretende facer algo faise o que se pode por o apartar do caso. En calquera caso, a min esta parécese moito a aquela, co gobernador do imperio supervisando os movementos. E este é peor que Pilatos. Unha aperta.

      Gústame

Os comentarios están pechados.