HOMENAXE A PURA E DORA VÁZQUEZ

 

 IM-PU-DOR[1]

OLOR PRIMAVERAL

OLOR PRIMAVERAL

 

Cuberta xa dos veos vaporosos do outono

e esborranchados na color do mosto os perfís do serán,

soño convosco,

xentís vendimadoras da azul melancolía

nos acios das palabras.

 

Neste soño outonal e augamariño

estamos todas tres

-¡ai, irmanas!-

bailando entre as escumas,

narcisos e xasmíns da tarde inxel do amor primaveral,

corpos de Boticcelli na venera

das virxinais calores.

 

E cando esperte

farei da voz un cáliz para libar de novo os vosos versos,

lagares olorosos e harmonías de brancas espideces

na espiga sazonada.

 

 

 

 

 


[1] En Festa da palabra silenciada, nº 12, 1996

Advertisements

2 opinións sobre “HOMENAXE A PURA E DORA VÁZQUEZ

  1. Empezo a amar a poesía da túa man: denantes achegábame a ela, máis por curiosidade intelectual, ou por obriga de escolante, agora me relaxan os seus sons, as súas cores e ata descipción dos seus arrecendos. Brava, bravisima, Mestra das palabras.

    Gústame

    • Pois, querido amigo, esa conquista non é dada doada. A poesía ten un público minoritario e non é doado conducir a quen non foi iniciado moi cedo. Pero, se cadra, é porque empecei a escribir tarde. Digamos que xa cando estaba de volta de moitas banalidades. Así que moitas grazas e procurarei escribir ben para conservarte como lector. Unha aperta.

      Gústame

Os comentarios están pechados.