XEITOS DE FACER PAÍS

Unha das noticias máis triste dos últimos días é que se vende Galicia a cachos polo rural e que son os estranxeiros os que están aproveitando a desfeita para vir ao paraíso. Galicia, como quen di ata antonte, foi fundamentalmente rural e neste medio é onde mellor se conservaron os seus sinais de identidade: idioma, usos e costumes, arquitectura, organización administrativa parroquial… Pero non soubemos –ou non souberon os que tiñan a obriga de o albiscar- atopar o noso futuro. E na medida en que estes sinais se foron relacionando co atraso e a pobreza, os seus habitantes fóronos abandonando tamén.

No oriente está máis afectada, aínda que posuíu asentamentos prehistóricos temperáns, como nas covas de Valdavara (Becerreá). ¿Que habería que facer para ter lograda a fixación do poboamento? Aldeas doutros territorios similares en orografía e clima (Asturias, Cantabria, Navarra, ou as peor situadas das abas alpinas) son costosas para producir e vivir delas pero aí quedan en pé. Á marxe da desidia institucional temos iniciativas altruístas, como a que recuperou o sendeiro Quinta-Río Donsal (Cancelada), que ven de ser finalista nos premios Europa-Nostra.

Por occidente, co mar como multirrecurso e mellor clima, Galicia vese menos afectada polo abandono, pero sufriu unha desfeita urbanística evitable que culminou coa chafallada da burbulla inmobiliaria. Tamén aquí hai grupos que traballan a prol das nosas riquezas e que emocionan non só polo que significan en si, senón por como conseguen as cousas. Benvidas as innovacións que permiten á xente que traballa pola cultura e os espazos simbólicos do país sacar proxectos en tempos de crise, cando toda acción cultural parece avocada ao fracaso. Hoxe é moi difícil editar un libro de poesía, pero acaba de saír do prelo Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega. Recompila textos dun gran número de poetas de todas as épocas sobre o noso Olimpo e, o máis importante, unha abondosa aportación de poemas ad hoc. A idea desenvolvérona Francisco X. Ferández Naval e Miro Villar coa axuda da plataforma Goteo.org  que iniciou o proceso de crowdfunding ao que responderon máis de cen achegas individuais para cubrir os custos e levalo ao prelo o pasado 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. Tras desta iniciativa está a Asociación Monte Pindo Parque Natural.

 

 

 

 

Advertisements